Vilalba celebra o bautismo poético do "novo trobador" Lago Barcala

O Parador acolleu por primeira vez a presentación do libro do gañador do Certame Literario, editado por Alvarellos

Lago Barcala, Baamonde e Alvarellos, durante a presentación. M. MANCEBO
photo_camera Lago Barcala, Baamonde e Alvarellos, durante a presentación. M. MANCEBO

A capital chairega celebrou este xoves o bautismo poético do "novo trobador e mestre das palabras" Aleixandre Lago Barcala, gañador do XLIV Certame Literario Concello de Vilalba, grazas ao que verá a luz o seu primeiro poemario Cartafol de miraxes.

O acto, que se trasladou no tempo -sempre se facía no mes de agosto coincidindo co ditame do certame- e no espazo -por primeira vez a presentación foi no Parador-, permitiu debullar un traballo que chega como "un sopro de vida do autor" e para todos aqueles "que o reciban e poidan interactuar con el", expresou o rexedor, Agustín Baamonde, quen recoñeceu ter "lido e relido" unha "obra difícil, pero que permite desfrutar dunha experiencia gratificante".

O responsable da editorial que vén de publicar a obra, Henrique Alvarellos, tamén profundou na idea de que "os poemas de Aleixandre piden ser lidos" pola súa "maneira perfeccionista e musical" de compoñelos. "Isto só é o inicio dunha carreira de longo percorrido", prognosticou o editor.

Mentres o autor, que se amosou moi agradecido, definiuse como "amigo do uso expansivo da sintaxe", do que deixou testemuño no recitado de ata catro poemas dun libro que será distribuído en máis de 50 centros escolares e clubs de lectura de toda Galicia.

O grupo Corredores de Sombra puxo a nota musical a unha presentación coa que se inicia a conta atrás para un novo certame. o 45.

Comentarios