Victoria Eugenia López Díaz: "Creo que la reivindicación seria es necesaria, pero no los revolucionarios de pacotilla"

No seu regreso á política como número dous do PP, a procuradora sarriá Victoria López ofrece «esforzo máximo» e aspira a un mandato sen crispación.
Victoria Eugenia López Díaz
photo_camera Victoria Eugenia López Díaz

FOI A PRIMEIRA procuradora en Sarria e a primeira muller da comarca no Parlamento, pero Victoria López preséntase ante todo como unha persoa entregada ó traballo e que valora a lealdade.

Que foi o que a animou a voltar á política máis de dez anos despois do seu paso polo Parlamento?

Pedíronmo persoas ás que non lle podía fallar e neste momento creo que podo ser útil e aportar o único que sei aportar nesta vida, que é traballar. Voume esforzar ao máximo, porque é a miña maneira de ser e porque os sarriaos son a xente que quero.

Que diferenzas cre que atopará entre a política local e a galega?

A local é a máis cercana e creo que a máis satisfactoria. As propostas, se hai recursos, teñen unha execución máis inmediata. Creo que fun capaz de facer o labor que me adxudicaron no Parlamento dentro da normalidade e espero ser capaz de levar a cabo este novo labor dun xeito extraordinario.

Que obxectivos lle gustaría conseguir nesta nova etapa?

Ter un mandato sen crispación. Se ti buscas o mellor para Sarria, se todos somos homes e mulleres de ben, non pode haber discrepancias de gravidade. Outra cousa é, como dicía Unamuno, os «revolucionarios de pacotilla que te venden por un plato de habichuelas». Creo que a reivindicación seria é necesaria pero tamén hai moito revolucionario que non merece estar en ningún partido.

Pensa no tema do río?

Se ti sentes a Sarria, é un problema importante. Ese proxecto era do PSOE e non pode ser que cando gobernamos todo vaia ben e cando estamos na oposición sexa culpa do PP. Iso non é leal. A esa xente sácama do meu escuadrón! Recoñezo publicamente que a Plataforma ten xente que sabe o que fai e que conseguiu algunha cousa importante. Co que non estou de acordo é con todo ese escuadrón de revolucionarios de pacotilla que fixeron o proxecto eles e agora resulta que a culpa é do PP. Non! Se ese proxecto ten os seus erros haberá que rectificar, o que non se pode é poñer uns carteis dicindo «caciques», porque os caciques non son máis cós que agora din que non fixeron o proxecto.

En que cre que sería mellorable?

Ese chan do Malecón non pode quedar así, hai que darlle unha solución distinta. Tamén me preocupa seriamente a xente que vive da hostalería, non pensamos o que os estamos prexudicando todos, tanto a Plataforma como a lentitude desas obras. Dende logo iso ten que andar. Pero tamén é certo que se un técnico di algo dunha ponte, salvo que un equipo de técnicos diga o contrario, para min está ben porque non son técnica. Ruborízame cando algunha persoa se pon a falar da ponte sen saber o que fala.

É bastante clara falando, algo pouco habitual en política...

Moita xente medra porque o único que di son cousas que non sente. Teño a fortuna de dicir o que sinto porque, con humildade, vivo do meu traballo e por iso non temo que me saquen dunha poltrona.

Comeza a campaña e con ela os comentarios de todo tipo. Fálase de que vostede tivo algo que ver co transfuguismo de Sabela Caldas.

En absoluto. Souben da súa operación 20 minutos antes de proclamarse José Antonio García alcalde. Eu estaba como parlamentaria, aquí o cabeza de lista era Fernando Carlos (Rodríguez) e a relación era respectuosa pero non fluida como para saber eu o que se cocía. Non tiven nada que ver, é máis, por comentarios sei que se levou directamente entre Fernando Carlos e ela e parece ser que se cerrou nunha casa en San Xulián da Veiga.

No caso de gobernar a súa lista, que área lle gustaría ocupar?

Polas miñas orixes, das que me sinto orgullosa, sempre procuro apoiar ó que menos ten e servir ó que necesita que o sirva. Tamén me gustaría reducir o desemprego no pobo e darlle vida.

Comentarios