Vicepresidencia achegará títeres e cinema ao aire libre a 25 concellos lucenses

O programa Cultura sobre Rodas desenvolverase durante xullo e agosto e incluirá unha exposición itinerante sobre o oficio de afiador
Mario Outeiro (centro), onte na Deputación
photo_camera Mario Outeiro (centro), onte na Deputación

O programa Cultura sobre Rodas, impulsado pola área de cultura da Deputación de Lugo, dependente de Vicepresidencia, inclúe este ano o espectáculo de monicreques ‘Nº 8 Rúa dos Contos’ e a proxección ao aire libre da película ‘A última viaxe do afiador’. Esta actividade itinerante chegará a uns 25 concellos da provincia, co obxectivo de levar este tipo de espectáculos «a lugares non habituais, como pequenas parroquias ou concellos, en colaboración coas asociacións veciñais», segundo afirmou onte o responsable da área de cultura e turismo da Deputación, Mario Outeiro.

As asociacións interesadas en participar nesta iniciativa xa poden formalizar as súas inscricións, presentando no rexistro da Deputación o formulario de solicitude que xa se lles enviou.

Marionetas Trécola. ‘Nº8 Rúa dos Contos’ é un espectáculo de guiñol tradicional dirixido a toda a familia e cuxo guión orixinal é do grupo de teatro Marionetas Trécola. A protagonista da historia é a Bruxa Papandreia, que somerxe o espectador nunha divertida aventura na que non falta nin o humor nin a retranca galega.

A película de cine que se proxectará dentro do programa ‘Cultura sobre Rodas’ é un documental titulado ‘A última viaxe do afiador’, producido por Boneca Lareta.

Este proxecto pretende achegar ao espectador o legado patrimonial e etnográfico dos afiadores que hai anos percorrían as aldeas galegas. Esta actividade inclúe tamén un coloquio entre o equipo da película e o público, así como unha exposición móbil, a cargo de Florencio de Arboiro, na que se mostrarán rodas de afiar, unha bicicleta e unha moto, que explican a evolución do oficio.

Comentarios