As verteduras nos ríos lucenses derivaron en sancións de máis de 150.000 euros

Os estudos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil conclúen que a contaminación máis frecuente procede das redes das áreas urbanas e das actividades industrial, agraria e gandeira
Encoro de Vilasouto, un dos que reciben a consideración de malo no control ecolóxico
photo_camera Encoro de Vilasouto, un dos que reciben a consideración de malo no control ecolóxico

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) resolveu 82 expedientes sancionadores en 2014 por verteduras en ríos. As multas derivadas destes procedementos sumaron 152.227 euros. Ata outubro de 2015, resolvéronse 37 expedientes pola mesma causa, con multas de 58.962 euros.

Os estudos da CHMS indican que as orixes máis frecuentes da contaminación son as redes urbanas e a actividade industrial, agraria e gandeira. Concretamente, dos 82 expedientes resoltos no 2014, con 152.227 euros de multa, 23 corresponderon a verteduras procedentes de redes municipais e 59, de actividades agrarias e gandeiras (22), industriais ou fosas sépticas sen legalizar.

Ao longo do ano pasado, iniciáronse 69 expedientes, dos cales algúns figuran entre os resoltos e outros quedaron pendentes para o actual exercicio.

No 2015, iniciáronse 53 trámites sancionadores por contaminación de augas na provincia de Lugo e resolvéronse 37, cun total de sancións de 58.962 euros. Destes últimos, seis responden a verteduras de redes municipais e 31 ao resto de actividades.

A CHMS tramita procedementos sancionadores en canto detecta fontes de contaminación, xa sexa polos controis periódicos das augas ou pola recepción de denuncias. O expediente require unha investigación sobre a orixe da vertedura e as consecuencias da mesma.

Do total de expedientes tramitados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil no 2014 e no que vai de 2015, só hai un considerado «menos grave», polo tanto, o resto dos danos causados teñen consideración maior.

BO ESTADO. As masas de auga da provincia de Lugo están, en xeral, en bo estado, en base aos controis realizados pola CHMS. Nos últimos estudos realizados analizáronse 93 masas de auga e concluíuse que 75 delas presentaban estado bo ou moi bo.

As outras 18 non alcanzan o nivel de bo. Delas, 13 son ríos naturais, dos cales 8 presentaban estado ecolóxico moderado e 5, deficiente. O estado químico era deficiente en dous casos.

Dous ríos calificados como «moi modificados» presentaban estado ecolóxico peor que bo, un moderado e outro deficiente.

No apartado de encoros, hai tres que non logran o aprobado nas análises ecolóxicas. Un obtén calificación de moderado e dous, de malo. Os encoros peor considerados son os de Vilasouto, nos concellos do Incio e A Pobra do Brollón, e San Martiño, que afecta ao municipio lucense de Quiroga e aos ourensáns de O Bolo, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco.

En todo caso, as análises con datos negativos refírense ao estado ecolóxico da masa de auga, por exemplo, ao nivel do encoro, pero os resultados do control químico son bos en ámbolos dous casos.

Nos mesmos controis presentan un estado ecolóxico deficiente os ríos Lea, Leira, Cinsa, Rioseco e Carabelos. En todos os casos, o estado químico é bo.

As análises químicas do río Mao II e do Cabe II son as únicas que non logran a calificación de boa.

MANTEMENTO. A CHMS desenvolve cada ano un proxecto de conservación do dominio público hidráulico e de prevención de inundacións, que conta cun orzamento de 120.000 euros.

Este programa de actuacións ten asociada unha brigada permanente de traballadores que realiza traballos de retirada de vexetación para evitar tapóns e outros traballos que requiran unha intervención urxente.

A maiores, para o ano 2016, a Confederación ten previsto desenvolver un proyecto de restauración e rehabilitación dos ríos da provincia de Lugo máis afectados pola contaminación ou máis deteriorados. Estas actuacións terán un orzamento anual de 1,6 millóns de euros.

O servizo provincial será o encargado de valorar a necesidade e a urxencia das intervencións para programar os traballos, en base aos requerimentos recibidos dos concellos, particulares ou outros colectivos.

EO-NAVIA. Os datos analizados proceden en todo caso do ámbito de actuación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Con todo, unha parte da provincia de Lugo é competencia da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, concretamente os ríos Eo e Navia e os seus afluentes, pero este organismo non facilitou datos sobre o estado das augas da súa competencia.

A auga do encoro de Vilasouto, un dos que presenta malos resultados nos controis que realiza a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, deixou de destinarse a consumo humano polos recorrentes problemas de potabilidade.

O encoro subministrou durante varias décadas a veciños de Bóveda e O Incio, que tiveron que buscar traídas de auga alternativas ante as constantes restricións.

Nos últimos anos, ao chegar a primavera fíxose habitual a aparición de cianobacterias na superficie da auga, que quedaba tinguida dunha cor vermella terrosa. Nese momento era aconsellable non bebela.

As captacións non estaban na superficie, senón no fondo, pero a presenza destes elementos contaminantes na tona da auga tiña consecuencias tamén na profundidade do encoro. Era habitual detectar carencia de osíxeno, que derivaba en niveis elevados de ferro, de manganeso e incluso de arsénico.

Comentarios