A Valedora do Pobo transfire dous millóns á Xunta para apoiar a loita contra o covid-19

Fernández Galiño remite un escrito ao presidente do Parlamento no que comunica a decisión ante a emerxencia sanitaria
María Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo. AEP
photo_camera María Dolores Fernández Galiño, valedora do Pobo

A institución Valedor do Pobo, que dirixe María Dolores Fernández Galiño, transferirá unha achega de 2 millóns de euros á Xunta como medida de apoio á xestión da emerxencia sanitaria derivada da pandemia provocada polo covid-19.

Despois de que a semana pasada o Parlamento de Galicia anunciase o traspaso doutros dous millóns de euros á Administración autonómica, a valedora comunicou ao presidente do Lexislativo galego, Miguel Santalices, a súa vontade de efectuar tamén un traspaso por esta cantidade de fondos procedentes do remanente de tesouraría.

Diso informa a defensoría galega nun comunicado, no que detalla que a medida será validada por resolución do presidente do Parlamento e posteriormente ratificada pola Mesa da Deputación Permanente.

A institución destaca que, con este xesto, súmase ao do Parlamento galego que o pasado día 3 de abril acordou transferir á Administración autonómica outra partida de 2 millóns, tamén procedentes do remanente de tesouraría, para apoiar a xestión da Xunta na pandemia. 

Comentarios