Cinco usuarios da residencia de Burón entran a vivir no centro de maiores da Deputación

A principios de abril o Goberno galego ordenou o peche cautelar das vivendas comunitarias da Fonsagrada polas malas condicións nas que se atopaban os anciáns
Ambulancias en la residencia cerrada de A Proba de Burón. EP
photo_camera Ambulancias en la residencia cerrada de A Proba de Burón. EP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, informou de que cinco persoas maiores veciñas da Fonsagrada que eran usuarias das vivendas comunitarias privadas que foron intervidas e pechadas pola Xunta entrarán nas próximas horas a vivir no centro público que a institución provincial ten na localidade, o Residencial de Rois. 

En concreto, a principios de abril, o Goberno galego ordenou o peche cautelar das vivendas comunitarias Burón I e II, unha residencia privada situada neste municipio lucense despois de constatar as malas condicións dos anciáns que se atopaban nestas instalacións.  Nun comunicado remitido aos medios este venres, o presidente da Deputación de Lugo explicou que se prevé que os ingresos de catro destas persoas queden xa formalizados na xornada deste sábado, mentres que o quinto terá lugar o domingo ou o luns. 

Tomé Roca destacou o contacto estreito que mantido co Concello e coas familias destes veciños desde que xurdiu a problemática. "Desde o primeiro momento mostrei a disposición da Deputación para que estas persoas seguisen preto dos seus familiares, dos seus veciños e amigos, mantendo o arraigamento na súa terra, nun centro público como o noso, no que recibirán unha atención próxima e de calidade", manifestou. 

"Estamos moi satisfeitos por cumprir cos desexos das familias que, por fin, sentirán que as súas peticións foron atendidas e correspondidas", manifestou o presidente provincial, que explica que estaban preocupadas porque estaban a vivir no Carballiño, un municipio "especialmente lonxe do seu lugar de orixe". 

CRÍTICAS Á XUNTA. Así mesmo, José Tomé lamentou non obter resposta da Xunta ao ofrecemento feito a través dunha carta remitida o pasado 16 de abril para realizar en colaboración este proceso de traslado deste cinco acodes. "Non entendemos que despois dun momento tan difícil como pasaron as familias, agravado pola situación excepcional derivada da crise da covid-19, o Goberno galego deixase toda a responsabilidade nelas e non mostrase a lealdade institucional que debe primar sempre, pero sobre todo en situacións como esta", censura. 

Nesta liña, cuestionou que a Xunta decidise trasladar a estes usuarios desde o Hula até O Carballiño, na provincia de Ourense, "sen ningún tipo de necesidade, porque podían entrar desde un primeiro momento na residencia da Deputación na Fonsagrada".  O presidente da Deputación asegurou que a súa volta á Fonsagrada "é a mellor solución" que se podía atopar e "demostra que o modelo asistencial público e de proximidade", polo que aposta a institución provincial, "é apoiado polas familias".

PROCEDEMENTO DE INGRESO. A Deputación detallou que para que estas cinco persoas entren a vivir no Residencial Rois foi necesario unha autorización de derivación sanitaria de cada unha delas, acompañada dos certificados de resultado negativo das probas de detección da covid-19. 

Ademais, unha vez na residencia, deberase efectuar unha desinfección preventiva das súas pertenzas e un aseo persoal inicial como medida preventiva para proceder ao seu illamento en habitacións durante 14 días, seguindo as pautas fixadas. 

Comentarios