A Universidade da Sorbona de París destaca unha curta do burelao Adrián Canoura

A cinta está construída con poemas de 'Follas Novas' e transita entre a realidade e o mito

aaaaaa
photo_camera Adrián Canoura, detrás da cámara. AMA

O cineasta burelao Adrián Canoura móstrase sorprendido e satisfeito polo feito de que Nicole Brenez, profesora da Universidade da Sorbona en París, destacara a súa cinta Caerán lóstregos do ceo como unha das mellores películas do ano pasado. "Nicole Brenez é unha das persoas máis reputadas dentro do cinema de vangarda, que é no que eu me movo, polo que estou moi contento", aseguraba Canoura, "estar nunha lista con autores tan importantes coma Jean Luc Godard ou Nicola Klotz é case máis importante que conseguir algún premio".

Caerán lóstregos do ceo é o último traballo do burelao, unha peza de 26 minutos construída con poemas de Follas Novas, que indaga nos significados do trono e o lóstrego, e transita territorios entre a realidade e o mito. Foi gravada en localizacións da comarca mariñá, pero tamén en San Andrés de Teixido ou no Saviñao. Esta curta xa lle deu máis satisfaccións ao seu autor xa que conseguiu dous premios na última edición de Filmadrid: o premio á mellor cinta de vangarda e o premio Camira, que outorga unha asociación internacional de críticos. "A cinta xa estivo presente en varios países e agora vai estar en Francia, xa teño cerrada a presenza no festival de Toulouse en febreiro", explica Canoura, que agarda que o recoñecemento da Sorbona tamén sirva para que o nome soe no país veciño e a curta poda pasarse noutros puntos da súa xeografía.

Polo momento Canoura traballa só, sen o apoio dunha productora ou dunha distribuidora, polo que depende del tanto a realización como a distribución das cintas. "Cada un no seu sector ten a súa especialización e no cine é preciso estar moi atento a todo o que vai saíndo e tamén aos festivais que hai e ao traballar só tes que dedicarte a chamar á xente, enviar correos electrónicos e moverte para irte facendo un oco", explica o burelao, quen subliña que o feito de non ter a ninguén detrás tamén lle proporciona liberdade á hora de traballar: "Teño unha forma particular de traballar, porque me gusta gravar cousas naturais e do día a día e tes que esperar a que se produzan, polo que as rodaxes ás veces alónganse e iso podo facelo porque non teño ningunha esixencia detrás".

O cine de Canoura está orientado a un determinado público, polo que tamén recoñece que ten un percorrido limitado e que os premios ou os recoñecementos que reciben as cintas son moi importantes. "Non é que as cintas estean pensadas para un público determinado, porque eu fago o que me gustaría ver e sáeme de xeito natural, pero é verdade que é un cine que non está orientado ao gran público e ten un percorrido limitado en festivais, en plataformas de internet ou en cineclubs e hai que ir loitando para que teña máis visibilidade e a xente vexa que este tipo de cousas existen", subliña. Ademais da andaina desta cinta, este mes estará presente no Canal 180 de Portugal o seu anterior traballo Salitre nas veas. En total, Canoura xa leva gravadas catro cintas sumando O porco e o seu espírito e Escamas, sangue!. Agora mesmo xa está pensando nunha nova historia que está "intentando escribir e preproducir" e que estaría ambientada na pesca no Gran Sol.

Comentarios