Unidos por unha pedra feita símbolo

Xoán Arias fotografou ao longo de dous meses o traballo de Xabier Quijada para crear a escultura en homenaxe a Alfonso Blanco
 
Arias, Blanco e Quijada, con Roi, na inauguración da exposición. XERMOLOS
photo_camera Arias, Blanco e Quijada, con Roi, na inauguración da exposición. XERMOLOS

Xermolo de Luz foi o nome escollido para a peza que serve de tributo inmorredoiro ao crego Alfonso Blanco, impulsada por sete parroquias e colocada, a petición do propio homenaxeado, nun xardín da Rúa do Concello de Guitiriz, ao pé da Casa de Xanón, en cuxo baixo estaba antigamente a oficina de Extensión Agraria. Alí xurdía, alí daba os seus primeiros pasos, hai máis de catro décadas, a asociación cultural Xermolos.

Xermolo de luz é ademais o título que leva a colección fotográfica que pode verse ata o día 10 na Casa Habanera. O guitiricense Xoán Arias, afeccionado á fotografía, soubo da homenaxe das parroquias no nomeamento de Alfonso como Fillo Adoptivo e pensou en recoller a través do seu obxectivo o proceso creativo do canteiro escollido para facela realidade, Xabier Quijada, a quen lle gustou moito a idea, pois nunca fixera nada semellante.

E así, en once sesións nos meses de xaneiro e febreiro de 2019, "con luz natural e sen posados", Arias foi documentando a transformación dunha pedra dos montes de Parada (Outeiro de Rei) nunha representación "non de Alfonso, senón da súa semente, xermolando homes e mulleres mellores", como dicía o propio Quijada na inauguración da peza.

Sete parroquias de Guitiriz xuntáronse para impulsar a peza Xermolo de Luz, título tamén das 15 fotos expostas na Habanera ata o 10

E Xermolo de luz é tamén o nome dunha das 15 fotografías que compoñen a mostra, logo dunha "difícil" escolma das máis de 500 que Arias fixo no obradoiro persoal de Quijada na aldea vilarega do Barreiro. A imaxe é un exemplo da vertente creativa que achegan algunhas das fotos, que se combina coa testemuñal que ofrecen outras, máis próximas ao fotoxornalismo, e resume a primeira impresión de Alfonso Blanco ao estar preto da peza, tendo en conta os seus problemas de visión: "Dixo que desprendía luz", detalla Arias.

Ese momento no que homenaxeado e homenaxe se atoparon fronte a fronte foi un dos máis emotivos para o fotógrafo, que plasma en tres imaxes da mostra. "Quijada, cando a obra estaba case rematada, decidiu presentarlla a Alfonso e el foi ata alí", con Arias, que documenta un instante único e irrepetible: "Coincidiu nun momento no que Alfonso estaba mal de saúde e non vía case nada, así que Quijada colleuno do brazo, achegouno á escultura e coas mans del foino guiando para amosarlle o texto gravado - 'A beleza feriute para sempre xermolando luz na mornura das túas palabras... os teus feitos'- e a obra".

Arias confésase "cansado" logo do intenso traballo que lle supuxo este proxecto, que é a súa primeira mostra en solitario, pero tamén moi satisfeito co resultado e a boa acollida que está a ter a mostra, na que mesmo ofreceu unha visita guiada para explicar as motivacións de cada unha das 15 imaxes, dende a pedra sen tallar ata o acto inaugural. E unha das explicacións é as razóns que o levaron a decantarse polo branco e negro. Quería "captar a textura da pedra, as tonalidades e as expresións".

A expensas de que a mostra volva expoñerse ou Xermolos use as fotos nalgunha publicación, o fotógrafo entregoulle tanto a Quijada como Alfonso un álbum con todas as imaxes que recollen "a creación dunha pedra feita símbolo, que uniu dúas personas". Mais Xermolo de Luz non só ligou a un "artesán da pedra" e a un "xermolador de cultura". Vai máis alá e, como di Arias, "representa o xermolo do ser humano que ao longo do tempo é quen de crear grandes obras".

Comentarios