Unhas zocas trotamundos

A antiga cárcere de Sarria acolle durante tres meses unha exposición de fotografías nas que unhas zocas son as protagonistas. Estas son todas unhas viaxeiras, polo que nas imaxes pódense ver en distintos lugares de Galicia. Non podía faltar a vila sarriá e hai fotos da Torre da Fortaleza, a Ponte da Áspera ou o convento

As zocas ante un cartel na Rúa Maior de Sarria. EP (As zocas viaxeiras)
photo_camera As zocas ante un cartel na Rúa Maior de Sarria. EP (As zocas viaxeiras)

PASEANDO POR Galicia un pódese encontrar cunhas zocas que desde febreiro do pasado ano percorren a comunidade para coñecer cada recuncho e despois "colgar" as fotografías nas redes sociais. Desde este domingo están en Sarria, pois a antiga prisión acolle unha exposición dalgunhas delas, a primeira que realizan As zocas viaxeiras, como se lles coñece en internet.

Na mostra, que está aberta ata agosto, pódense ver unha trintena de imaxes e en todas están presentes este calzado de madeira. Entre elas atópanse varias de espazos destacados de Sarria. A Ponte da Áspera, a Torre da Fortaleza, un escudo, a estatua do rei Alfonso IX da Praza da Constitución ou o convento de La Merced son algúns dos puntos polos que pasaron as zocas e así queda patente na exposición. Tamén recolle fotografías doutros lugares de Galicia, como son o mosteiro de Samos, a praia das Catedrais, a catedral de Mondoñedo, Malpica ou Laxe.

No centro da sala da exposicións da antiga prisión están as protagonistas, unhas zocas, pero non son as que se poden ver nas imaxes. As auténticas están cos creadores desta orixinal idea. Son Luis Carlos Velón, Mar Martul e Soraya Casal, uns naroneses que quixeron "facer algo distinto" coas súas saídas de fin de semana.

Fixemos algunha ruta, tiñamos fotos bastante chulas e queríamos poñer algo diferente, algo galego. Por Instagram ves de todo e nós decidimos sacar unhas zocas

"Fixemos algunha ruta, tiñamos fotos bastante chulas e queríamos poñer algo diferente, algo galego. Por Instagram ves de todo e nós decidimos sacar unhas zocas", conta Soraya Casal, quen este domingo estivo na inauguración da exposición con Mar Martul. Velón non puido asistir o acto, no que participaron membros da corporación municipal, compañeiros de traballo dos autores das fotografías e veciños. Os visitantes puideron deixar a súa opinión ou a súa mensaxe para os tres amigos nun libro de firmas, un "recordo" para eles desta exposición.

Para tomar as fotografías os tres aproveitan os seus fins de semana. "Sabemos que, por exemplo, hai un faro, imos e comemos alí. Unhas veces imos a tiro fixo, como a praia das Catedrais, na que xa buscas unha foto. Noutras ocasións buscas unha cousa e atopas outra. Iso nos pasou en Covelo (Pontevedra), onde encontramos un lago que parecía un paraíso", explica a naronesa.

Soraya Casal asegura que "chaman a atención" da xente cando se dispoñen a tomar as fotografías coas zocas. "Unha das primeiras foi en Ribadavia e o sacalas miraban raro", indica. Noutros casos fai que os viandantes se interesen polo que fan. "Uns querían compralas, preguntaron se vendíamos zocas", engade.

ACOLLIDA. As imaxes pódense ver en Facebook e decidiron bautizalas como As zocas viaxeiras, que teñen unha acollida "bastante boa". Máis de 5.400 seguen a páxina destes tres naroneses afeccionados ao mundo da fotografía. "Non temos experiencia nesta, non nos dedicamos a isto", aclara Casal, quen é enfermeira no hospital de Ferrol. Neste centro tamén traballa Mar Martul como auxiliar de enfermería, mentres que Luis Carlos Velón é enxeñeiro.

O público máis maior manda mensaxes comentando que lles recorda a súa infancia. Por exemplo, outra persoa, de Madrid, comentounos que o seu avó levaba zocas

Para eles As zocas viaxeiras é "un divertimento", polo que se mostraron "sorprendidos" cando a alcaldesa de Sarria, Pilar López, lles ofreceu participar nunha mostra na vila. Esta localidade foi precisamente unhas das súas primeiras paradas coas zocas. "Nunca realizamos unha exposición e estamos encantados. Fíxonos ilusión que as imaxes vexan a luz", apunta Casal, que afirma que continuarán tomando fotografías "mentres sexa divertido".

A súa idea fai que na rede lles envíen comentarios. "O público máis maior manda mensaxes comentando que lles recorda a súa infancia. Por exemplo, outra persoa, de Madrid, comentounos que o seu avó levaba zocas", explica a naronesa. Este calzado supón "recordos" para moita xente, pois ata hai pouco tempo era empregado no campo para traballar. Agora apenas xa se usan, polo que cando as foron mercar para sacar as fotos no establecemento preguntáronlles se as querían para facer manualidades. "Algo parecido", bromea Soraya Casal.

Os seus seguidores tamén lles comentan que coas súas imaxes ven sitios da comunidade galega que non coñecían ou que xa os coñecen e lles traen recordos.

Comentarios