Unha parada en Monforte que durou corenta anos

Chegou a Monforte en 1958. Probabelmente pensaba que só ía residir alí algún tempo, pero quedou até 1998, corenta anos

Monforte, como punto de enlace ferroviario, tivo sempre algo de cidade de tránsito. Un lugar ao que alguén acudía a traballar temporalmente, preguntaba por unha pensión limpa e de confianza, ía facendo amizades, creaba unha familia e finalmente, case sen saber como, acababa por recoñecer que el era un lemista máis.

Algo diso supoño que lle pasou a Manuel María. Os amigos non lle aconsellaron ir vivir a Monforte. Só o unía coa cidade a relación con Novoneyra que estaba no Courel e que ás veces baixaba a visitar as tabernas que proliferaban nas beiras do Cabe.

Finalmente, decidiuse. Agardaba por el un traballo de procurador dos tribunais, e necesitaba traballar de algo, despois de ter abandonado a carreira de Filosofía e Letras que comezara en Santiago.

Chegou a Monforte en 1958. Probabelmente pensaba que só ía residir alí algún tempo, pero quedou até 1998, corenta anos. Casou con Saleta Goi, comezou tamén a dar clase de filosofía e literatura nunha academia. Era cordial cos alumnos pero sen intimar demasiado.

A súa paixón estaba na literatura. Fundara xa a editorial Xistral e púxolle o nome de Val de Lemos á súa principal colección de poesía, na que publicaron o seu primeiro libro unha ducia de autores que despois se farían ben coñecidos.

Desde Monforte colaborou coa discográfica Edigsa, na que gravou algúns dos seus poemas musicados. En 1970 abriron, el e máis Saleta, a libraría tamén chamada Xistral. Foi un centro de referencia. Algúns acostumámonos de nenos a pasar todos os días diante dela para mirar os libros do escaparate. Máis tarde, a libraría foi o noso lugar de aprendizaxe. Coñecemos alí a literatura galega que daquela non se estudaba no ensino oficial. Manuel María respondía as preguntas espontáneas sobre calquera libro de maneira precisa e amábel. Ofrecíache unhas pinceladas sobre a obra, sen estenderse demasiado, de modo que ti te animabas aínda máis a preguntar.

A libraría era moderna, branca, iluminada, acolledora. Detrás dun moble de mediana altura, Manuel María facía uns versos e corrixía outros. Ás veces dialogaba coas visitas. Outras veces convidaba o visitante a fumar no exterior, disimulando a vixilancia de Saleta.

El botaba de menos vivir nunha cidade máis grande, poder asistir a unha tertulia, como a que frecuentara no café Méndez Núñez de Lugo, ou en Santiago, co pintor Maside. Pero Monforte, o lugar de tránsito, acabou sendo o centro do seu mundo. O 90% da súa obra escribiuna nesta cidade.

Monforte non o inspiraba para crear, pero era o seu medio ambiente. Só lle dedicou o seu Cancioneiro de Monforte de Lemos que non cabe incluír entre os seus mellores libros. Así a todo, coñecía os lugares máis importantes da comarca, que ás veces visitaba con Lois Diéguez e con outros amigos, igual que coñecía moitos outros lugares de Galiza. Dicía que aspiraba a coñecer a todos os galegos un a un. Tamén dicía que Monforte, a pesar da súa longa e importante historia, non dera moitos poetas. E el mesmo acabou por converterse nese poeta emblemático que a cidade necesitaba.

Un Manuel María en tránsito entre o Outeiro de Rei onde naceu e A Coruña na que acabou os seus días. Corenta anos que lle deron tamén para ser concelleiro do BNPG, electo en 1979, nas primeiras eleccións locais que se celebraron. Non quedou contento e non volveu presentarse. En lugar de cultura, encargáronlle a responsabilidade de lixo e alcantarillado.

Foi polémico sen pretendelo. As vellas forzas vivas temían que fose un mal exemplo para a mocidade. Naqueles anos, que un home culto falase en galego en público era visto case como unha ameaza.

O retrato que lle fai Arcadio, o fotógrafo local, nos anos noventa, no que se ve pulcro, en cores suaves, coa súa barba branca de patriarca e uns ollos escuros e brillantes que lembran os de Omar Sharif, marca quizais o punto de reconciliación coa cidade. Non haberá máis debates. Lonxe queda o seu programa de Radio Monforte dedicado á xente moza, e que se emitiu durante os primeiros anos, ao pouco da súa chegada. Lonxe queda incluso a manifestación contra a celulosa que querían instalar en Quiroga e a cuantiosa multa que lle impuxeron a pesar de que nin sequera chegara a participar.

Pero iso si, Manuel María seguía poñéndose feliz cada vez que o convidaban a participar nalgunha conferencia en calquera parte de Galiza. Notábaselle na cara desde unha semana antes. Talvez aínda se negaba a recoñecerse de todo como habitante de Monforte. ¿Seguía a crer que a súa estadía aquí era só un momento de tránsito?

Comentarios