Unha clase sen muros en A Fonsagrada

Un total de 25 estudantes da USC e futuros educadores fixeron dos bosques, camiños e aldeas do municipio unha aula sen muros
O grupo de estudantes, na Fonsagrada. EP
photo_camera O grupo de estudantes, na Fonsagrada. EP

Unha aula onde o pupitre está no bosque. Un centro educativo que ten como corredor antigos camiños. Un libro que se le en cada porta dunha aldea. A Fonsagrada converteuse a semana pasada nunha clase sen muros para os 25 estudantes do máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza, que se imparte na facultade de Formación do Profesorado da USC en Lugo.

O coordinador destes estudos pioneiros en España, Uxío Otero, elixiu este municipio da Montaña, e por terceiro ano consecutivo, como sede dunha das catro saídas do máster que inclúen estadías de máis dun día, e que tamén teñen paradas no Courel, no Camiño Primitivo e nos Picos de Europa.

"Trátannos moi ben por aquí", afirma Otero, que engade que os alumnos tamén valoran a incursión fonsagradina como "unha das mellores" do seu periplo educativo. Entre eles hai dous que veñen de China, tres de América Latina e sete do resto do Estado. O resto son galegos.

As actividades comezaron o pasado xoves 27 de febreiro, cunha visita ao Museo Comarcal do municipio. O día 28 visitaron o castro de Castañoso e coñeceron de primeira man a intervención arqueolóxica que descubriu unha sauna na construción castrexa.

A continuación, o grupo adentrouse nos bosques cercanos á capela de Santiago para darse un "baño de bosque", segundo comenta Otero. "É unha práctica que reduce o estrés, unha actividade terapéutica", explica. Pola tarde, seguiron os pasos da ruta que vai por Pena Guímara até Romeán, unha aldea que antano contou cunha importante economía do ferro. O último día, o alumnado percorreu parte do Camiño da República, visitou a aldea da Fornaza -tamén de pasado ferreiro- e A Seimeira de Vilagocende.

"O Concello facilitounos o transporte polo municipio, e tamén o aloxamento", salienta Uxío Otero, que tamén indica que o máster ofrece prácticas neste municipio. "Faremos o posible para devolverlles a aposta que fan por esta formación", comenta. Esta é unha formación que considera necesaria hoxe en día e na que a provincia ofrece un gran potencial: a natureza como espazo educativo.

Comentarios