O undécimo Buxiganga patrocina máis de 100 obras

O ciclo, que promove a Deputación, diríxese a concellos e asociacións

Pilar García Porto. EP
photo_camera Pilar García Porto. EP

A Deputación patrocinará a representación de máis de 100 obras de teatro por toda a provincia ao abeiro da úndecima edición do ciclo Buxiganga. Diríxese de novo a concellos e asociacións sen ánimo de lucro.

O programa recibiu luz verde na última xunta de goberno do executivo provincial, que lle dedicará un investimento de 70.000 euros. Segundo indicou a deputada de cultura, Pilar García Porto, trala aprobación nese órgano das bases e modelos de solicitude, publicaranse en breve no Boletín Oficial da Provincia e abrirase o prazo de solicitude, que será de 15 días.

García Porto explicou que co Buxiganga 2019 "cúmprese un dobre obxectivo: promocionar o teatro afeccionado, debido á gran cantidade de escolas de teatro municipais que participan, e dinamizar cultural, social e economicamente os municipios da provincia, especialmente os do rural".

O ciclo Buxiganga non só se dirixe a concellos e asociacións, que poden solicitar que se celebren funcións, senón que tamén está concibido para apoiar ás agrupacións de teatro, que son as que representarán estas obras.

Unha vez coñecidos os grupos escénicos solicitantes, elaborarase un catálogo para que os municipios e asociacións culturais soliciten a compañía que desexan contratar.

Polo que atinxe ao caché destas actuacións, os grupos de entre seis e oito persoas recibirán 500 euros por función; os de nove a doce integrantes, 750, e os de 13 ou máis persoas, 850.

Desas cantidades, a Deputación subvencionará o 80% do custo e os concellos e as asociacións, o 20% restante, podendo cobrar unha entrada simbólica que en ningún caso poderá superar os tres euros.

Pilar García Porto sinalou que na web da Deputación se habilitara un espazo no que se poderán consultar todas as bases do programa e os documentos que se deben cubrir para entregar a solicitude no rexistro provincial.

Comentarios