Imprimir

Un máis un

Eduardo Gutiérrez | 11 de junio de 2008

Non sei se nalgunha ocasión tiveron vostedes que explicar qué era o Partido Radical, aquela formación do século pasado na que o factotum foi Alejandro Lerroux, pero que contou con outras figuras un tanto alonxadas de tal personaxe, como foi o caso de Diego Martínez Barrio, protagonista en 1934 da escisión que dou lugar a Unión Republicana. En fin, todo isto está moi ben; o problema é respostar á pregunta sobre o homólogo actual de aquel partido Quer dicirse que resulta moi difícil a percura de comparanzas, de modelos, e mais ainda cando os nomes e os rótulos ainda crean máis dúbidas: tanto radical, como socialista, como popular teñen significados absolutamente diverxentes e contraditorios segundo países e épocas Radical era o partido de Raúl Alfonsín que pouco ten a ver con Lerroux e popular é o partido de Aznar e a República de Mao, do mesmo xeito que a palabra socialista figura no SPD pero tamén formaba parte do NSDAP.

E, con tais alicerces, por via de exemplo, comprenderase o entrambilicado que resulta pregarse á actualidade na súa versión de crise do Partido Popular. E non é, como doadamente se comprende, que esteamos perante unha excepción, porque todos os partidos atravesan momentos críticos e liortas intestinas e, mesmo, disolucións por non decir cataclismos, como foi o caso relativamente recente de UCD. Non lembro quen, pero alguén falou de que os partidos, tal como se conciben ainda hoxe,  son un instrumento do século XIX. Quizais sexa certo, pero a crítica que tal xuízo encerra, no sentido de fórmula obsoleta, caduca ou inaxeitada, fica relativizada no caso de España. Aquí o esquema está bastante menos gastado mercé ao paréntese dos corenta anos. E o que acontece cando se dan tan longos períodos de xexún é que cómpre adaptarse de novo á inxesta e, ás veces, iso resulta dramático.

En todos os partidos, de hoxe e de sempre, aquí e fora de aquí, hai diversas tendencias ou diferentes sensibilidades que saen ao exterior en contadas ocasións e ao redor de cuestións concretas, normalmente de carácter puramente táctico. Coidamos que non é ese o caso do Partido Popular e inclinámonos a pensar que realmente dentro del non hai dúas tendencias, senón dous partidos. O normal seria que, como no caso francés, o que xenericamente se coñece por dereita contase con dúas agrupacións políticas, e non se acobillase nunha como sucede aquí. Pasemos por derriba do PP, sucesivamente, o imán Sarkozy e o imán Le Pen e comprobaremos que é o que se deixa levar por cada quén E nada de sorpresas. Ou é que alguén pensa que Mayor Oreja ou Vidal Quadras poden ir á misa no mesmo carro que Angela Merkel? . E ainda hai outro fenómeno que singulariza este caso: as posturas mais homologables coa dereita europea están lideradas polo 'delfin' elexido por Aznar para sucedelo, no que constituiu daquela un  verdadeiro alarde de satrapía. Insólito.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/noticias/un-mais-un/20080611203300153066.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)