Un concerto exclusivo

Hai agasallos que se agradecen máis por inesperados. A vida, a casualidade, ou como lle queiramos chamar ao que rexe estas pequenas cousas, regaloume unha sorpresa na noite do 10 ao 11 deste mes. Pasaba uns días nun camping do Porto do Son e, tras cear no bungalow, baixei á cafetería, xa raiando a media noite. Do mar próximo viña unha agradábel brisa e sentei na terraza para respirala toda. Até a miña mesa chegou o son dunha guitarra e, entre os seus acordes, unha voz fermosa e moi ben modulada. Agucei o oído e decateime de que cantaba en euskera. Facíao baixiño, talvez por medo a molestar aos que durmían. Para escoitar mellor, deixei o lugar en que estaba e sentei máis cerca. Era un rapaz de pouco máis de vinte anos. Con el estaban outro mozo e unha rapaza que lle suxerían os temas que había interpretar. Folga dicir que non entendín palabra do que cantaba, polo que a sedución non tivo nada a ver coas letras, seguramente boas se tiñan parangón coa música e a voz que lles daba corpo. Pensei nun primeiro momento que seguramente se trataba dun profesional; mais, como teño a crenza de que case todos os vascos cantan moi ben pola súa tradición coral, dubidei de que fose así. Os aplausos das tres ou catro persoas que estabamos a escoitalo, máis sonoros ao comezo que o propio espectáculo, atraeron a outra xente até se formar un grupiño de arredor dunha ducia. O cantautor foi elevando o ton. Vista a entrega do improvisado público, implicounos naqueles retrousos que, por seren ‘lalalás’ non precisaban do coñecemento de euskera. Ao final, cando lle fun dar as grazas e loar as súas cancións, pasoume unha tarxeta ao tempo que me dicía: «Chámome Gorka Zabaleta. As letras e a música son miñas».
Gorka Zabaleta é, ademais de pintor e escultor, un cantante emerxente no panorama musical vasco. E, por riba, poeta. As letras, de grande sensibilidade, falan de temas actuais a xogar con cuestións do pasado e do futuro. En canto á música, ten influencias do ‘country’, da balada folk irlandesa e da música tradicional da súa terra.Foi membro da coral Andra Mari de Errenteria durante dez anos, feito ao que debe, sen dúbida, a madurez vocal que evidencia nas súas interpretacións. Como solista conta xa cunha experiencia de seis anos.

Non puiden ir ao concerto de Diana Krall e Elvis Costello, entre outras cousas porque me aterran as multitudes, aínda que me gustaría escoitalos; mais podo afirmar que asistín ao máis exclusivo do verán galego. Na noite do Son, acompañado polo vento mareiro e pola súa guitarra, Gorka Zabaleta cantou polo só pracer de cantar, para si e para os que nin sequera sabiamos o seu nome. Desde agora queda rexistrado na páxina das mellores lembranzas estivais.

Comentarios