Un colexio sarriao recolle un premio da RAG por un traballo sobre Casares

A Academia galardoou a cinco centros galegos cos premios 'Contádenos o voso Día das Letras'
Os nenos do colexio de Oural, xunto a José Manuel López Cabana, Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey
photo_camera Os nenos do colexio de Oural, xunto a José Manuel López Cabana, Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey

A Real Academia Galega (RAG) fixo entrega este martes dos premios Contádenos o voso Día das Letras a cinco colexios galegos, entre os que se atopa o centro Antonio Fernández López de Oural (Sarria). O acto contou coa presenza de 90 escolares, así como do presidente da RAG, Víctor Freixanes, e da académica Fina Casalderrey.

Baixo a dirección do mestre José Manuel López Cabana, 13 alumnos de quinto e sexto de primaria do centro sarriao fixeron unha adaptación teatral da obra de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a cal ten xa preto de 7.000 visualizacións en Youtube.

Freixanes destacou que o acto supón "unha festa grande" porque "estamos a recibir dalgunha maneira o futuro, vós sodes o futuro da nosa lingua", dixo en alusión aos estudiantes galardoados.

Ademais do centro educativo de Oural, resultaron premiados os colexios de infantil e primaria do Carballal (Marín), o Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), o Plurilingüe Os Casais (Fene) e o Colexio Rural Agrupado Amencer (Ribadavia).


Comentarios