Un bo día para os folieiros en Begonte e Meira

A asociación Castiñeiro Milenario de Begonte celebrou a súa xuntanza de inverno e Trailará promoveu a segunda Foliada da Vila de Meira

Obradoiro de Brigan en Begonte. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Obradoiro de Brigan en Begonte. CRISTINA PÉREZ

A distancia entre a Praza do Convento de Meira e a Casa do Pobo da parroquia begontesa do Castro anda preto dos 50 quilómetros, mais o sábado esvaeceuse grazas a un espírito común, o dos folieiros e das folieiras que gozaron de celebracións inspiradas naquelas festas de sempre.

A asociación Castiñeiro Milenario de Begonte, que conta co apoio da asociación veciñal do Castro, continúa coa sua tradición estacional e organizou a Foliada de Inverno, que sumou uns convidados de excepción, os integrantes do grupo italiano Brigan. O cuarteto napolitano fixo un alto na xira española de presentación do disco Rúa San Giacomo para impartir en Begonte un obradoiro que cubriu o cupo con máis dunha vintena de asistentes e que foi "unha auténtica pasada", segundo a entidade organizadora.

Falaron dos instrumentos e dos ritmos tradicionais da súa zona, dando conta das similitudes que teñen coa música galega, como por exemplo o seu contexto rural, para logo ofrecer un concerto didáctico ao que puideron sumarse os seus aplicados alumnos.

"Es la segunda vez que estamos aquí -viñeran hai dous anos-y es una experiencia genial, siempre es un placer ver gente que quiere aprender la música que tenemos nosotros y hacer una conexión con la música y la xente de aquí", explican á súa vez dende Brigan, que no seu disco afondan nesta relación.

A súa presenza foi o preludio á foliada propiamente dita, amenizada polo grupo residente Foliadeir@s do Castro, Xaquelogo de Monterroso e Os Fedellos da Ulloa, chegados dende Palas de Rei.

MEIRA. Paralelamente, en Meira tiveron tempo de desenvolver un amplo programa de actos que tamén desembocou nunha foliada nocturna que sumou os ritmos de Nove Ferreñas de Meira, Bouba, Picurruchos e Airiños da Freba.

"Houbo moita xente caracterizada e nos obradoiros", din dende a asociación Trailará, contentos co devir da tarde de festa. E é que a consigna era viaxar no tempo ata os anos 40 e 50 do século pasado -con premio para a mellor caracterización- e animarse a participar nas clases de canto e pandeireta de Noemí Basanta e de baile de Miguel Pardo. Non defraudou tampouco a feira de artesanía, con máis dunha ducia de postos.

Ademais, esta II Foliada na Vila de Meira aproveitouse para inaugurar unha mostra de fotos antigas, composta por máis de 100 imaxes compiladas pola propia entidade ou cedidas por Eme de Meira e o Concello. A exposición poderá visitarse no primeiro andar da casa do concello nas vindeiras semanas.

Comentarios