Un biógrafo de Xesús Alonso Montero destaca su fidelidad a unas ideas

Modesto Hermida felicitábase onte en Lugo de que a Xesús Alonso Montero lle diagnosticase un mal de corazón erradamente «porque os pais decidiron que non soportaría as tarefas do campo e que terían que estudalo». Esa equivocación serviu para que dese o salto «dunha escola rural na que tiña un bo profesor e onde el xa dera sinais de ser un rapaz intelixente» á educación regrada con 14 anos e que desenvolvese unha carreira na docencia e na investigación literaria.

Esa carreira é unha das facianas que Hermida trata con maior atención na biografía do profesor que vén de publicar Ir Indo, ‘Xesús Alonso Montero. Palabra e compromiso’, na que percorre unha vida marcada pola «fidelidade ás súas ideas». O autor presentou o seu texto onte na galería Sargadelos de Lugo en compañía do propio Alonso Montero; do editor, Bieito Ledo, e máis de Andrés Páramo.

O autor deste volume explicou que o futuro profesor «tardou poucos anos en poñerse ao día», pois avanzaba a máis dun curso por ano, deixando ás claras «que era máis home de letras ca de sacho».

Alonso Montero amosou tanta solidez na obtención de que canto se propoñía no ámbito educativo que «se dixo que era un coleccionista de cátedras», tras o seu paso por «institutos, o colexio universitario de Vigo e a universidade».

Galego
Na orixe desa carreira, o biógrafo sitúa o tempo das eleccións que gaña o Frente Popular e do comezo da Guerra Civil, cando Xesús, un neno de poucos anos, é levado de Vigo ao Ribeiro, «e alí entra en contacto co galego, que foi algo fundamental na súa biografía».

A aprendizaxe e a práctica da lingua abren unha liña ideolóxica «de galeguismo radical, pero non nacionalismo» no biografado. Malia que a inmensa maioría dos galeguistas da súa xeración achegáronse ao nacionalismo. O autor do libro sobre a vida de Alonso Montero ignora os motivos. «Iso é algo que habería que preguntarllo a el», sentenza.

Canda ao galeguismo, Alonso Montero teimou sempre no seu comunismo. «Toda a vida sentiuse comunista, é militante dende o ano 62, e continuará séndoo ata que morra», indica o escritor que analizou a súa biografía e que mantén «unha relación intensa con el dende 1974».

«Puxo a cada quen no seu sitio»
A bibliografía de Alonso Montero «é tan estensa que daría para outro libro moito máis amplo», opina Modesto Hermida. Do traballo investigador do catedrático de Lingua e Literatura salienta,
a maiores do influínte ‘Informe dramático sobre a lingua galega. Presente e pasado’, a biografía que lle dedicou a Luis Seoane. Nese volume «pon á vista de todo o mundo as moitas actividades que levaron a cabo Seoane e outros na emigración como resistencia de país, demostrando que había lingua e literatura galegas». Unha actitude de loubanza que diverxe da que o profesor adoptou noutros libros como ‘Os poetas galegos e Franco’, no que recolle poemas referidos ao dictador e escritor no seu mandato. «Foi un traballo importante porque pon a cada quen no seu sitio, dado que houbo galeguistas que foron moi radicais e estiveron ligados ao franquismo», apunta Hermida.

Fútbol
O biógrafo de Xesús Alonso Montero revela tamén que o catedrático é un afeccionado sensato ao fútbol, «porque non é un forofo, di que lle gusta ver xogar ben ao fútbol», polo que o autor deduce que «agora será do Barça». Hermida engade que «chegou a xogar ao fútbol na universidade».

Comentarios