Abrir un negocio en tempos de coronavirus. Emprender aos 20 anos. Asentarse no rural. Lúa Catuxa Aguete Naveira e Vanesa Coucheiro González orquestraron estas tres cousas contra todo prognóstico. Se ben é certo que elas tamén son músicas, o negocio ten outros rumbos. Ollada Producións e o nome dun proxecto de fotografía e vídeo radicado na súa vila natal, Antas de Ulla, co que volveron darlle á comarca ollos cos que mirarse.
Que foi o que as levou a emprender nun momento tan difícil? Os concertos que tiñan previstos para o verán canceláronse -Vanesa forma parte da Banda de Antas e Lúa toca en Cuarta Xusta e El Borrón del Escribano-. Por outro lado, varios fotógrafos da comarca xubiláronse ou pecharon o negocio por distintos motivos.
Lúa estudou fotografía e realización e para Vanesa, estudante de Bioloxía, o mundo da imaxe foi sempre unha paixón. Xa o ano pasado rumiaron esta idea de montar un estudo na súa comarca, pero as circunstancias agora semellaban favorecelo. E si, hai que ter boa ollada para ver oportunidades nestes tempos nos que tantos horizontes semellan clausurarse. Tamén algo de bravura, por suposto. E moita amizade. Vanesa e Lúa coñécense dende sempre, foron xuntas ao cole, tocaron xuntas na banda e agora sorpréndense falando das declaracións trimestrais e do seguro de autónomas. Unha cousa máis.
Por suposto, comparten tamén as ledicias. Neste pouco máis dun mes de andaina, os veciños recibiron o proxecto cos brazos abertos. Contaron con elas para bautizos, vodas, comuñóns e sesións persoais. Algún concello tamén as chamou para a realización de vídeos promocionais. Despois de compaxinar os seus estudos con algún traballo a media xornada, este é o primeiro que verdadeiramente lles apaixona.
"Fainos moita ilusión coñecer persoas que, doutro xeito, talvez non coñeceriamos, e que están a carón nosa. Se cadra no futuro non se lembran de nós, pero o que é seguro é que mirarán o álbum e desfrutarán desas fotografías que fixeron en momentos importantes da súa vida", indica Lúa. "Gústanos poñernos no lugar desas persoas, facer deses momentos algo especial e estamos a aprender moitísimo con esta experiencia", engade.
Vocación
Saben que para este proxecto terán que esperar a que a situación sanitaria mellore, pero confían en que chegará o momento de saír coa cámara e retratar festas que volvan ser festas, feiras cheas de xente e verbenas nas que os bailes volvan ser pegados. Así, unirán as súas