"Unha das actuacións que lembro con máis agarimo é a de Miriam Makeba"

A TVG lanza este venres o ‘'Luar' milenario’ para festexar un fito de resistencia

O Pazo de Congresos de Santiago acollerá unha gala especial para festexar o programa 1.000
Xosé Ramón Gayoso
photo_camera Xosé Ramón Gayoso

En setembro de 1992 comezou unha historia televisiva que mantén intacto o seu tirón. Azúcar Moreno, Los Limones, Ana Kiro, Leilía e os Cantares do Minho inauguraron para a cultura pop de Galicia o programa ‘Luar’ da TVG, xa con Xosé Ramón Gayoso á fronte do barco e co realizador Manuel Abad como home na sombra. O emblemático espazo de entretemento da televisión autonómica galega lanza mañá un ‘Luar milenario’ para celebrar 1.000 programas en antena.

Será unha gala especial que comezará ás 22.00 horas no Pazo de Congresos de Santiago e que, durante catro horas, reunirá "artistas exclusivamente galegos". Cristina Pato, Luar na Lubre, Los Satélites, Pili Pampín ou Os Resentidos son algúns dos nomes que avanza a TVG para esta edición especial, na que contan xuntar 1.000 personas de agrupacións corais e folclóricas galegas no escenario.

Desde a Televisión de Galicia sinalan que o exercicio de resistencia de ‘Luar’ é un caso único de lonxevidade en España e en Europa. "Todo un fito de éxito e saúde, que ten as súas similitudes no hispano ‘Sábado gigante’, que se despediu das pantallas hai uns días tras máis de 50 anos de emisión, e tamén o estadounidense ‘Saturday Night Live’, que fixo 40 anos en antena este mesmo mes", explican.

A conta de Twitter de Luar comezou xa hai uns días a quecer o ambiente nas redes sociais. Para abrir boca, un dos tópicos que teñen planeado sobre o programa desde a noite dos tempos. "Pois han ter razón os que din que só traemos vellos ao programa", chancean. E acompañan o comentario con fotografías de Yosi Domínguez, o cantante de Los Suaves, Chavela Vargas, Rosendo Mercado ou Celia Cruz, todos eles durante actuacións en ‘Luar’.

Durante a semana, foron chegando os parabéns dalgúns dos habituais de ‘Luar’, como as Azúcar Moreno, que estiveron nese primeiro programa e que agora escachan coa risa ao dicir que o milleiro de programas case que os teñen feito elas.

Amaya e Estíbaliz de El Consorcio, pola súa banda, lembran a xa mítica discoteca Dona Dona de Touro, desde onde se emitiu ‘Luar’ ata que en 2006 pasou a facerse no Plató 1.000 da TVG de Montouto, no municipio de Teo. Ata tan punto teñen sido constantes os artistas anteriormente coñecidos como Mocedades que ata fixeron amizade co carniceiro de Touro: "¡Qué buena carne tenía y qué quesos de Arzúa!".

Sucedeu tamén en Touro outra das anécdotas compiladas para este ‘Luar Milenario’ e ten como protagonista a Marta Sánchez, que saiu a tomar "una Coca-Cola y unas aceitunas" cos seus músicos a un bar situado "a 100 metros de Dona Dana" antes de comezar o programa. Tan a gusto estiveron que o tempo lles pasou sen se decatar. "Tuvieron que salir a buscarnos, pensaron que nos habíamos vuelto a Madrid", lembra agora a cantante.

Ademais de luareiros e luareiras contrastados, teñen chegado mensaxes de felicitación de xentes da televisión como El Gran Wyoming, Mariló Montero, Susanna Griso ou Jorge Javier Vázquez, quen os chama "héroes" e apunta: "El que venga después de mí os felicitará dentro de otros 24 años, porque yo no voy a estar".

Mónica Naranjo, Miguel Bosé ou David Bustamante repasarán mañá no programa especial algúns dos anecdotarios deste programa, que chega a todo o mundo a través da canle internacional da TVG e que ten nas chamadas telefónicas de madrugada algúns dos seus momentos máis divertidos (e tamén incómodos).

Este ‘Luar Milenario’ servirá tamén como repaso de "actuacións senlleiras" e reunión de luareiros aventaxados. E, segundo advirte a conta de Twitter do programa, volverá soar ‘Apaga o candil’.

Comentarios