A TVG estrea o sábado ‘Caseiros’, unha comedia de situación ''disparatada''

O actor Pepe Suevos, con colada ao fondo (Foto: EP)
photo_camera O actor Pepe Suevos, con colada ao fondo (Foto: EP)
A TVG aposta polo humor para o horario de ‘prime time’ do sábado e esta mesma semana chegará á grella da canle autonómica a comedia de situación ‘Caseiros’,
que se emitirá ás 22.00 horas e que promete historias «disparatadas».
 
‘Caseiros’ segue a Lola e Roi, interpretados por Isabel Risco e Roi da Costa, dous irmáns desempregrados que teñen que botar man da labia e dalgunha que outra mentira para conseguir que Eladio e Viruca (Pepo Suevos e Elena Seijo) lles aluguen un piso. Á trama únense Lalo (Boris Morandeira), o fillo bastante infantil dos caseiros, e Dorinda (Susana Dans), unha veciña de renda antiga afecionada ao viño de ‘tetra brick’. 
 
‘Caseiros’ está producida polo riotortense José María Besteiro e conta co mesmo equipo ca ‘Libro de familia’, a serie costumista que acadou a honra de converterse na ficción máis lonxeva da Televisión de Galicia. Se ‘Libro de familia’ tiña o seu primeiro xermolo no ultramariños que os pais de Besteiro rexentaban nas Rodrigas, ‘Caseiros’ é unha idea orixinal da xornalista e guionista de Foz Rosa Castro, tamén autora do libreto do espazo que se mantivo nove anos en antena. 
 
«Teño moita fe en ‘Caseiros’, pero sempre estou literalmente ‘acongojado’ cando estreo unha nova serie. Nun medio en que funcionan dous estrenos de cada dez; todas, absolutamente todas as series que producín ou cuxo formato vendín, funcionaron», comenta José María Besteiro.
 
É por iso que o produtor «sempre» pensa que se vai ter un esbarón será «na seguinte». «Agardo que non sexa esta, porque a TVG deume todos os medios e o equipo é magnífico», engade. 
 
O produtor apunta que con ‘Caseiros’ busca manter o público habitual da TVG de Galicia e achegarse tamén a novos sectores máis «mozos e urbanos». E así, emprega como filtro os seus fillos, «que son ‘youtubers’ e urbanitas», e que, según conta, sempre agardan «con ansiedade» os novos capítulos que chegan á casa editados. «Así que polo menos durmo tranquilo», chancea.
 
Malia que os personaxes da serie teñen unhas bagaxes nas que hai desemprego, cárcere, avaricia, adiccións e traumas, José María Besteiro asegura que non se trata dunha comedia de humor negro ou amargo.
 
«É unha comedia branca e familiar, que só inclúe algúns tacos do prota —Pepo Suevos como Eladio—, que se caga en todo o que se pon diante, desde a Seguridade Social ata nas isobaras. Rosa [Castro] inventou un protagonista que deu un ‘braguetazo’ e que se cree Onassis, e en torno a el montou una familia disfuncional e uns veciños que son un puro disparate», conclúe Besteiro.
 
'Novos veciños'
 
No primeiro capítulo, titulado ‘Novos veciños’, Eladio e Viruca, os caseiros, non saben se a chegada dos novos inquilinos supón unha oportunidade ou
unha ameaza. Por se acaso, o seu fillo Lalo xa ten preparada a escopeta. 

Para Lola, a Manganta, como é coñecida polos delincuentes de media Galicia, incluídos os do cárcere de Teixeiro, iso non é nada novo e xa se sente coma na casa. 

Comentarios