Trece centros escolares participan no programa 'Recíclate con Sogama'

Trece centros educativos de Educación Secundaria (ESO) de distintos puntos de Galicia participan este ano no programa Recíclate con Sogama 2014-2015, enmarcado á súa vez no Plan Proxecta da Xunta de Galicia; unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten por obxecto o fomento da innovación educativa a través do desenvolvemento das competencias básicas e a educación en valores, promovendo a realización de proxectos interdisciplinares que teñan un alto potencial de transferibilidade.

Os colexios participantes no programa de Sogama son os sete pola provincia de Pontevedra, tres de Vigo (IES Carlos Casares, CPR Plurilingüe Mercantil e IES República Oriental de Uruguai), un de Vilagarcía de Arousa (CPR Plurilingüe Sagrada Familia), un de Pazos de Borbén (CPI Curros Enríquez), un de Cuntis (CPI Aurelio Marcelino Rei García) e un de O Grove (IES Plurilingüe As Bizocas). Por Ourense, unha escola da propia cidade das Burgas (CPR Plurilingüe Divina Pastora). Pola provincia da Coruña son dous, un de Boiro (IES A Cachada) e outro de Camariñas (IES Pedra da Aguia). E, finalmente, pola de Lugo, son tres , un de Quiroga (IES de Quiroga), un de Sarria (CPR Nuestra Señora de la Asunción) e un da capital (IES Lucus Augusti).

Participación no sistema de recollida selectiva

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o principal obxectivo de Recíclate con Sogama non é outro que instar ao alumnado e ao profesorado a participar activamente no sistema de recollida selectiva para incrementar as porcentaxes de reciclado en Galicia e alcanzar os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.

Con tal fin, proporcionarase a cada centro unha illa de reciclaxe, que estará conformada por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para os de cartón e papel; e verde convencional, para a fracción resto), propiciando desta forma que a comunidade educativa teña a oportunidade de separar os residuos producidos na escola e depositalos nos recipientes axeitados.

Ademais, os que dispoñan de servizo de comedor, serán dotados cun composteiro no que poderán fabrican compost a partir da materia orgánica xerada, acondicionando desta forma un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que substituir aos fertilizantes artificiais utilizados para acondicionar hortas e xardíns.

De forma paralela, Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, despregará un potente programa formativo a través do cal proporcionará as claves para que escolares e docentes poidan participar nos proxectos que desenvolvan nos centros, e que ata leven a cabo unha tarefa educativa na súa contorna familiar e social máis inmediata. Para isto, a entidade utilizará diferentes recursos divulgativos tales como presentacións en power point, vídeos, carteis, dípticos, xogos e guías didácticas, entre outros.

A fin de avaliar a acollida do programa, o grao de implicación dos usuarios e a calidade do material seleccionado, a empresa realizará inspeccións periódicas a través das cales levará a cabo un seguimiento do traballo aportado e desenvolvido por cada centro, realizando caracterizacións dos recipientes que conforman as illas de reciclaxe mantendo un contacto permanente cos coordinadores desta iniciativa en cada colexio.

Comentarios