O centro de día Lagoa de Valverde de Cospeito, pertencente á rede de centros de atención aos maiores da Xunta de Galicia, puxo en marcha este verán un proxecto de bricolaxe que demostra que o traballo e o relax son mellores cando son compartidos.
Un grupo de dez usuarios crearon coas súas propias mans unha pequena zona ‘chill out’ no xardín exterior do centro para desfrutar do bo tempo en compañía e con todas as comodidades. "Os resultados tanxibles do
traballo melloran a autoestima e o sentimento de utilidade dos maiores que traballaron en equipo lixando, pintando, cortando, cosendo, colocando todo... para facer unha zona de relax que xa utilizan cada día coa satisfacción de ter sido creada por eles mesmos", explican dende o centro.
Ao tempo, destacan outros aspectos como o "empoderamento da muller" a través desta actividade; "salvo un home, eran todo mulleres realizando tarefas socialmente asociadas ao sector masculino".
O mobiliario, principalmente bancos, creárono aproveitando recursos e reciclando elementos, algúns conseguidos no punto limpo municipal. "É un mobiliario adaptado e con posibilidade de movemento para as diferentes actividades que se desenvolven no exterior, que aumenta as zonas de ocio das instalacións do centro", explican.