Un traballo sobre a Guerra Civil nas Pontes gaña o IV Premio Hume de historia

Sin nombre
photo_camera Rafael García e Conchi López. USC

Os santiagueses Rafael García e Conchi López gañan o IV Premio Hume de Investigación Histórica co traballo A violencia no Golpe e na retagarda galega. O Concello das Pontes, 1936-1939.

Nun certame no que aumentou a participación con respecto ás últimas edicións, e tamén a calidade dos traballos presentados, o xurado valorou unha investigación "moi ben redactada e moi ben construída", con "moita información" sobre "a represión e a Guerra Civil na localidade".

"Abarcamos o período do golpe, como se desenvolveu este e a retagarda, pero para iso tamén falamos das tendencias que había antes, na República, e intentamos poñelo en relación con sucesos máis alá das Pontes", explica Conchi López, unha das autoras do traballo premiado, que se mostra "sorprendida" e "emocionada" co galardón.

Os autores, ambos historiadores e investigadores en formación do departamento de Historia da USC, e membros do grupo Histagra, están elaborando a súa tese doutoral arredor desta temática pero centrada noutros concellos, como Santiago, Betanzos ou Monforte.

"Sempre traballamos cun enfoque micro e aínda que cambia dun concello a outro, ao estar traballando sobre o tema é máis fácil buscar e atopar as fontes, porque xa sabes onde atopalas, pero o que se necesita é tempo", di, mentres fala de aspectos do traballo no que se centran, como as dinámicas sociopolíticas da República, a irrupción da Guerra Civil nas Pontes ou da propia represión, con datos sobre os detidos ou os paseados no municipio.

"Coñeciamos a revista de Hume por cuestións bibliográficas pero do premio enterámonos por casualidade por unha alerta do correo electrónico e estamos moi contentos. Este premio dá a oportunidade de publicar e de que valoren o teu traballo", indica a premiada.

No certame, ao que este ano se presentaron un total de sete traballos, concederon o segundo premio á investigación Novos aportes ás migracións pontesas a Cuba: asociacionismo e variacións residenciais, de Frank Manuel Díaz e Ruxandra Guillama, ambos cubanos residentes nas Pontes.

"Tamén é un traballo moi interesante e completo, que fala de como se asentaban por barrios os ponteses que emigraban a Cuba e incorpora diversos planos", di Manuel Souto, o presidente de Hume, que destaca que por primeira vez nesta edición presentou un traballo un pontés.

Comentarios