Opinión

Tórdea. O asento da tradición

O venres pasado inaugurábase no Centrad da Deputación de Lugo unha exposición dedicada a poñer en valor a histórica tradición silleira da parroquia de Tórdea (Castroverde). A exposición, que estará aberta ata o 22 de decembro, rescata un oficio que hoxe tan só sustentan José Luis Castro Gómez e o seu aprendiz, Mario Lombardía. Algo semellante ao que acontece coa olería de Bonxe, que despois de ser práctica habitual de todas as casas desta zona de Outeiro de Rei, hoxe recae en Pepa Lombao a tremenda e inxusta responsabilidade de manter toda a tradición artesanal dun pobo. 

A existencia do último silleiro de Tórdea púxoa de actualidade un fantástico artigo de Pablo Rodríguez neste xornal o 25 de xuño de 2018, e o traballo incansable da Asociación de Amigos de Patrimonio de Castroverde, capitaneada por Manolo Muñiz, por poñer en valor esta tradición rematou por levala ata o Centrad para que toda a sociedade lucense puidese gozala este outono. 

O Luis da Casa de Xanín de Tórdea mantén vivo o legado herdado de seu pai e seu avó, incluídas a maioría das ferramentas empregadas. Porque Luis segue fabricando cadeiras de xeito artesanal e coa única axuda moderna da motoserra que emprega para cortar os toros de castiñeiro ou cerdeira. Cadeiras escolares, de costura, de comedor ou os míticos, e xa case desaparecidos, reclinatorios das igrexas, nada se lle escapa a este enérxico artesán de Castroverde para o cal este vello oficio é tan só un entretemento que lle consome o tempo libre. Luis traballa nunha gasolineira do Ceao e amósase orgulloso da súa afección entre machetas, mazos e tronzóns, agora incluso cun aprendiz que lle quita dos ombreiros a presión de manter un oficio chegado a Tórdea non hai moito tempo (xa que o propio Catastro de Ensenada non rexistra este oficio). 

A existencia do último silleiro de Tórdea púxoa de actualidade un fantástico artigo de Pablo Rodríguez neste xornal

O de silleiro foi traballo, como moitos outros, itinerante e serviu de complemento económico para moitas familias do lugar. Hoxe non se pode competir en prezo coas cadeiras que saen das numerosas fábricas de mobles, pero ben é certo que tampouco estas poden competir en calidade e en saber que estás descansando nunha peza única que é froito do bo facer dun artesán. Non é doado situar un produto nunha sociedade que está acostumada a consumir dun xeito desmedido produtos de baixa calidade que ao cabo de pouco tempo estarán no lixo porque xa non teñen arranxo e porque presumir dun obxecto novo está por enriba do propio uso e xa non digamos dunha mínima conciencia ambiental. Mais o último silleiro de Tórdea aínda segue aferrado a esa tradición histórica que fai que detrás dunha cadeira haxa catro días completos de traballo preciso e minucioso. 

Con este artigo quería tamén homenaxear a José Antonio Castro Ferreiro, que foi o último silleiro do Corgo. José Antonio faleceu na véspera do día da Patria Galega deste ano e seguiu mantendo a tradición ata hai poucos anos na súa casa de Queizán (Casa do Silleiro), moi próxima a Tórdea. No Corgo lembrarémolo facendo cadeiras de madeira e xunco co seu perenne sorriso e a súa conversa pausada e sisada naquelas Xornadas de Oficios Tradicionais celebradas por Arumes no Corgo, hai xa unha década.

Comentarios