Todo o labor de investigación sobre O Corgo de Jesús Abuín será dixitalizado

O octoxenario recibiu este sábado as distincións de Fillo Predilecto e cronista oficial nun emotivo acto

Jesús Abuín. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Jesús Abuín. VICTORIA RODRÍGUEZ

Toda a vida dedicouna en corpo e alma á súa vila natal. O corgués Jesús Abuín namorouse do seu municipio sendo un cativo e foi esta paixón a que o moveu a desenrolar de xeito totalmente altruista un intenso traballo de investigación sobre a historia da vila. Un encomiable labor que hoxe en día sigue levando a cabo cos seus 85 anos e que onte lle foi recompensado nun emotivo acto onde recibiu as distincións de Fillo Predilecto e cronista oficial do seu querido O Corgo. Ademais, o Concello anunciou que todos os seus estudos serán dixitalizados co obxecto de que xeracións futuras poidan empaparse da súa sabedoría.

Numerosos veciños, amigos e familiares non quixeron perderse esta homenaxe e abarrotaron o centro sociocultural corgués. Un espazo que se impregnou de sentimentos de orgullo, agarimo e agradecemento cara a Abuín. O rexedor local, José Antonio Ferreiro, foi o encargado de facerlle entrega do diploma de Fillo Predilecto e a medalla de cronista oficial. "Con este nomeamento queremos devolver todo o cariño e entrega que Jesús, unhas persoa humilde e xenerosa co pobo, sempre demostrou polo Corgo", salientou o alcalde.

Coa voz entrecortada e con bágoas nos ollos o homenaxeado recibiu emocionado e acompañado en todo momento pola súa esposa Gloria as distincións. Recoñeceu que foi "un día inesquecible" e agradeceu a todos os membros da corporación municipal, presentes no acto, a decisión unánime de concederlle ambos títulos.

O socialista Javier Cerqueiro agradeceu a "xenerosidade de dar o seu traballo sen agardar nada a cambio"

O octoxenario tivo tamén palabras de gratitude cara a súa familia "sen a que non podería ter feito todo este traballo e sen a que non a podería saír adiante", dixo.

Pola súa banda, o voceiro do BNG Mario Outeiro -grupo do que partiu a proposta de concederlle o título de Fillo Predilecto- fixo un repaso da traxectoria vital de Jesús Abuín nun fermoso vídeo con imaxes da súa infancia e adolescencia. Ensalzou o seu valor como persoa "que sempre amou e segue amando ao seu municipio" e destacou a importancia de todos os traballos que levou a cabo. "Motivo polo que se decidiu concedederlle as dúas maiores condecoracións que se poden recibir dun Concello", sinalou.

O socialista Javier Cerqueiro agradeceu a "xenerosidade de dar o seu traballo sen agardar nada a cambio" e destacou que "hoxe en día somos un pouco máis Corgo co noso cronista oficial". Por último, o independiente Javier Vila ensalzou ademais a súa faceta como persoa. "Un gran veciño, esposo, pai e avó do que todos podemos estar moi orgullosos".

OBRA. Jesús Abuín Arias naceu no Corgo o 29 de decembro do ano 1933. Ao longo da súa traxectoria estudou a xenealoxía das familias dunha vintena de parroquias dende os séculos XVIII ata o XX. Apaixoado da heráldica analizou os escudos das principais casas do municipio e foi o autor dos deseños da actual bandeira e escudo corgueses. Escribiu ademais o libro "Historia do Corgo" ou a colección "Alcaldes y concejales de Corgo en el siglo XIX". O seu legado xa nunca caerá no esquecemento e formará parte da historia da súa querida vila natal, O Corgo.

Comentarios