Imprimir

Todo é unha rémora

Carmen Uz / El reverso de la semana | El reverso de la semana / A semana do revés

El Progreso de Lugo | 12 de julio de 2015

NUN ESTADO normal das cousas, un cambio de partido no goberno debería ser bastante máis sinxelo do que é. Entre pitos e frautas, os administrados levamos camiño de tres meses a velas vir. Desgobernados sería dicir moito, pero de falta de dirección e impulso nas institucións máis próximas -o Concello e a Deputación- pódese falar sen medo a desatinar. A responsabilidade colleu a contrapé aos equipos que acabaron nos seus gobernos, especialmente no ente provincial, e se a iso se xunta a especial organización destas administracións, á forza o resultado ten que ser de estancamento.

Para non perverter o uso das institucións e do diñeiro público, a lei xa limita a toma de decisións varias semanas antes da contenda electoral. Ten todo e ningún sentido, porque hai tempo a facelo nos catro anos anteriores e sempre xurden maneiras de burlar a norma, aínda que só sexa un pouco e supoña arriscarse a unha pequena sanción. En 2011, o exalcalde e a actual alcaldesa tiveron que pagar 200 euros cada un por incumprir a lei electoral e visitar as obras de remodelación da Praza do Cantiño. Foi aquela época na que as inauguracións pasaron a ser visitas, e todos tan contentos.

Deputación. O PP atopa dificultades con algúns funcionarios, que non cren que o goberno popular vaia durar

Dende que os cidadáns meten a papeleta na urna ata a constitución das corporacións locais e provinciais pasan de novo varias semanas. As eleccións foron o 24 de maio e na Coruña e en Pontevedra aínda non hai traza de gobernos provinciais. E se os resultados e outras particularidades -véxase imputacións- complican a elección dos alcaldes ou presidentes das deputacións, como sucedeu en Lugo por partida dobre, despois aínda queda a organización política das institucións para os anos vindeiros. Non é unha cuestión menor. Hai que decidir sobre aspectos moito máis relevantes do que poden parecer, dende o papel dos partidos políticos en distintos órganos municipais (mesas de contratación, xuntas de compras...) e a composición da xunta de goberno, por onde nunha cidade pasan a inmensa maioría dos asuntos, ata a duración das intervencións nos plenos e os emolumentos dos políticos e os seus traballadores de confianza. E aquí hai que facer unha parada, porque este capítulo concentra os maiores desvelos, ocupa a maior parte das enerxías e os esforzos de negociación e é motivo de sonoras rupturas e silenciosos acordos. Hai catro anos, o PP bautizou o acordo de goberno PSOE-BNG como o pacto do hotel. Seguramente agora será el o que teña que escoitar apelativos con igual sorna.

Socialistas e populares acabáronse entendo na cuestión económica despois de que as conversas entre o PSOE e Lugonovo -único partido que se prestou a falar para intentar formar goberno- se racharan pola falta de acordo precisamene nese punto, o do gasto político, sen practicamente tocar outros temas. Aínda que seguramente non facía falta, porque un sabía bastante ben ata onde podía chegar o outro e racharon. O cerimonial foi curioso. Houbo palabras moi grosas, unha decapitación política, un encontro ao día seguinte que sorprendeu pola case esaxerada cordialidade, varias xornadas de ‘chámame ti, non chámame ti, que foi no que quedaches’, algunha discreta conversa entre as partes e un corto acto final no que quedou descartada calquera posibilidade de entendemento. O mandato é longo, quen sabe se chega a haber reconciliación.

A reactivación das administracións tralos procesos electorais custa moito máis do que os cidadáns deberían soportar

Non hai dúbida de que as diferenzas ían máis aló do custo político, pero o pouso que lle quedou á cidadanía é que o que importaba eran as dedicacións exclusivas e os asesores. Sendo unhas e outros necesarios, ninguén o discute. O debate ao mellor debería estar no modelo. Eses traballadores eventuais deberían deixar de selo para converterse en persoal da administración ao servizo do goberno que tocara? Nun exercicio responsable e rigoroso da profesión non debería de ser un problema, aínda que, inevitablemente, nalgúns casos a ideoloxía non fora coincidente. Ao fin e ao cabo, iso sucede tamén co resto dos traballadores públicos e tamén noutros ámbitos.

Aínda que parcialmente, é unha fórmula que se emprega co persoal de gabinete dalgunhas institucións. E se así fora no Concello de Lugo, seguramente o novo goberno tería máis doado facerse coa casa e os trámites para retomar a actividade irían máis rápido. Para alguén alleo á administración, esta é pouco menos que un terreo minado. Normativa, funcionarios enfrontados, limitacións orzamentarias... Unha sorpresa tras outra. Por non falar de dificultade que o actual sistema supón para elixir a ese persoal asesor, con ducias de candidatos e outras tantas de recomendados e de compromisos aos que atender. Nun insólito exercicio de transparencia, Lugonovo convocou publicamente unha praza e agora pode verse na tesitura de que alguén que teña os requisitos solicitados ao mellor non cumpre outros.

A estabilidade do persoal podería ser unha vantaxe, pero tampouco é garantía absoluta. Na Deputación, o PP está atopando dificultades con algúns funcionarios. Non acaban de crer que o goberno popular dure e, nun mal entendido sentido da responsabilidade, recelan colaborar. Seguramente non son moitos, porque se algo é San Marcos é territorio popular. A non ser que houbera conversos, que tamén pode ser.

Solucionada a cuestión organizativa, no Concello de Lugo o problema agora, como noutros moitos, é superar a parálise que trae o verán. Unha persoa da escala alta que chegou non hai moitos anos á casa quedou abraiada coa falta de organización das vacacións nos servizos e o freo que iso produce á actividade municipal. É outro deses aspectos da administración aos que ao mellor conviña darlle unha volta.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/carmen-uz-reverso-semana/todo-e-unha-remora/20150712200416475576.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)