Imprimir

Todo é falso (ou non)

Javier Nogueira | 16 de octubre de 2017

Mariano y el plasma
Mariano y el plasma
'Todo es falso salvo alguna cosa' é o libro de Justo Serna sobre o xeito no que a mentira nos rodea e a banalización da sociedade

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI UNHAS semanas preguntábanlle á humorista Ana Morgade quen era o referente do seu oficio en España na actualidade. Contestou sen dubidar que Mariano Rajoy, unha resposta que sen dúbida pode escandalizar a calquera bempensante. O día 1 de outubro outro xenio do humor, David Broncano, despachaba unha mensaxe que nun cuarto de hora sumaba 7.000 rechíos, pero non estaba de broma entón. A ineptitude do presidente do Goberno —entre outros protagonistas do esperpento do día— era tan evidente que xa nin os cómicos estaban para andrómenas.

Dous días despois paseaba eu por Trama e nestas din cun título. Nin para o libro mirei: Todo es falso salvo alguna cosa. A frase non podía ser do autor senón que tiña que vir forzosamente dese xenio do humor que é Rajoy. Foi a sentenza utilizada en rolda de prensa cando as cousas lle empezaron a ir mal. O home que escollera tan xenial máxima como título do seu libro era un profesor de Historia Contemporánea de Valencia, Justo Serna. O subtítulo do libro non podía ser outro ca Observacións sobre o mundo contemporáneo. Publica Punto de Vista, unha editorial nova pero cun catálogo no que chaman a atención case todos os volumes.

Prometinme hai un tempo non caer na trampa da posverdade. Non me refiro ao fondo do concepto senón ao seu uso masivo como etiqueta sen ese fondo. Vouno cumprir e direi que Serna analiza a banalidade dunha sociedade a medio camiño entre a estupidez e o relativismo. A tese é sinxela: estamos rodeados de falsidades e embustes, de mentiras que ademais chegan en volumes elefantinos e a velocidade de vértixe.

O certo é que eu podería non ter pasado da introdución do libro. Nela cita Justo Serna unha pasaxe coñecida de Finkielkraut na que destrúe cunhas cantas frases dificilmente rebatíbeis o relativismo cultural que pon á mesma altura un par de botas —ou Manolo Blahnik— e o Macbeth. Aberto este camiño, é sinxelo analizar filosoficamente a Mariano Rajoy como alguén quen de ignoralo todo ata que desapareza —adoita funcionar, sorprendentemente— ou lle rebenta nas mans —tamén ocorre, pero menos—.

Tería sido un erro porque o libro de Justo Serna é interesante e persoal. Non fai falla comulgar co que di para apreciar a ironía das súas análises, o fondo do seu pensamento, a capacidade crítica mesmo en eidos como o da literatura que, a priori, non debían ser os seus. O exemplo máis claro atópase na análise de A caverna, de José Saramago, no que alén da obra proxecta a dúbida de se un autor pode estar sempre a altura dun Nobel, cuestión que por certo estará de actualidade estes días co fallo dun premio que agardemos teña un pouco máis de criterio có do ano pasado. Tamén as páxinas de televisión, dende Alf a Breaking Bad teñen interese.

Cando remato este tipo de libros non podo evitar pensar no paradoxo que os percorre: son libros sobre o relativismo que rematan por ser o mellor antídoto contra aquilo que analizan. Justo Serna é intelixente, acedo e ten unha escritura que chama a atención dende as primeiras liñas, cun humor que a min me soa moi inglés, aínda que o mesmo autor quizais non estaría de acordo, polos seus dardos irónicos. O feito de estar formado de textos a medio camiño do artigo de prensa e o aforismo longo fomenta unha lectura a chimpos na que conectar temas cuxa unión quizais se perdese co método habitual de enfrontar un libro. En resumo: os títulos venden e convencen, algo que nunca debemos esquecer os escritores, sobre todo os que somos zoupóns en tal mester.

Nueva capa...
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/noticias/todo-e-falso-ou-non/20171016132145686351.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)