Todas as voces do Día da Galeguidade Empresarial

Jesús Méndez, Daniel Ferreiro, Javier Fernández, Carlos Varela y Ricardo Gurriarán. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Jesús Méndez, Daniel Ferreiro, Javier Fernández, Carlos Varela y Ricardo Gurriarán. VICTORIA RODRÍGUEZ

Jesús Méndez: "A responsabilidade de Caixa Rural Galega está en manter oficinas no rural"

Jesús Méndez. VICTORIA RODRÍGUEZ"Non debemos perder nunca o vencellamento ao noso territorio. É unha das estratexias de Caixa Rural Galega", así o puxo onte de manifesto o seu director xeral, que dixo que a política da entidade lucense contrasta cos grandes bancos, que se decantan polo peche de oficinas e a redución de servizos no rural respondendo a criterios de rendibilidade. 

Jesús Méndez salientou que nos últimos 15 anos se pasou de que houbera oficinas de bancos en todos os concellos galegos a que agora "hai moitos que non teñen, o que se chama exclusión financeira". 

RESPONSABILIDADE. "Caixa Rural Galega ten unha oficina en San Román de Cervantes que abre de oito a tres. A nosa responsabiliade está en mantela alí mentres a conta de resultados nolo permita", precisou. 

Esa concentración á que aludiu este executivo traduciuse en que só quedan dúas entidades que manteñen a súa sede en Galicia, Abanca e Caixa Rural Galega, cando non hai tanto tempo había oito. Caixa Rural Galega, que conta con case medio cento de sucursais en toda a comunidade autónoma, non pechou ningunha oficina nos seus 53 anos de vida. 

Vemos a problemática do sector como unha oportunidade ao ser menos esixentes en termos de rendibilidade

Jesús Méndez asegurou que esta entidade ve "como unha oportunidade" a problemática que vive o sector por ser "menos esixentes en termos de rendibilidade", enfatizou. 

O director xeral de Caixa Rural Galega, que foi vicepresidente do Consello Social da USC, explicou que a receita para contribuír ao desenvolvemento económico ten catro ingredientes: "financiamento de proximidade; adecuación ás necesidades dos clientes; rendibilidade si, pero non a calqueira prezo, e fomentar o investimento onde existen os aforros". 

Méndez explicou que o segredo da entidade de aforro lucense, que conta cuns 19.000 socios que a maioría ten unha participación de 60 euros, é que está adherida ao Grupo Caixa Rural, xunto a outras 28 entidades, que suman 2.800 oficinas, 8.000 empregados e un 5% da cuota de mercado.

Daniel Ferreiro: "Evolucionamos desde o minifundismo ata a internacionalización"

Daniel Ferreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ"Desde a leira ata China" e "desde o minifundismo ata a internacionalización". Esas foron dúas das mensaxes que trasladou este mércores no acto do Día da Galeguidade Empresarial o director xeral de Aira, que é a cooperativa de primeiro grao máis grande de Galicia, e que conta con 2.537 socios. 

Esta cooperativa domiciliada en Taboada, que ten previsto pechar este ano cun volume de ingresos duns 113 millóns de euros —case un 7% máis có exercizo pasado—, está apostando no mercado lácteo pola tecnoloxía. "En vez de leite líquido perecedeiro facemos produtos para alimentación infantil que mandamos para China cunha vida útil de 20 meses", explicou este executivo. 

Aira chega ao mercado asiático da man de Dairylac, proxecto empresarial posto en marcha en Melide no que ten participación e no que investiu uns 22 millóns de euros. 

Dos máis de 330 millóns de litros que recolle, comercializa directamente un tercio, en torno a 110, a través da súa marca comercial Clesa. 

A nosa función é xerar valor aos socios e ao entorno. Nós non deslocalizamos. Os donos e a súa actividade están aquí

NON DESLOCALIZA. Daniel Ferreiro afirmou que a función desta cooperativa, que naceu do agrupamento de 22, a maioría da provincia de Lugo, é "xerar valor aos socios e ao entorno". 

"Nós non deslocalizamos. Os donos e a súa actividade están aquí, que é onde revirten os investimentos. O rural é onde está aportando valor", apuntou Ferreiro, que salientou que esta cooperativa ten 246 empregados indefinidos, dos que o 72% realizan traballos técnicos nas explotacións. 

Salientou ademais que é un dos principais destinos dos universitarios que se forman no campus de Lugo, pois conta con 38 veterinarios e 26 enxeñeiros agrónomos. 

Na batería de datos facilitados onte por Ferreiro que poñen de manifiesto a magnitude desta cooperativa, tamén figuran que conta co parque de maquinaria agrícola máis grande de España e coa fábrica que máis penso produce para vacuno de leite, con 182.000 toneladas ao ano.

Javier Fernández: "En Galicia deséñase e fabrícase electrónica de primeiro nivel"

Javier Fernández. VICTORIA RODRÍGUEZEste enxeñeiro de telecomunicacións asegurou que o sector das tecnoloxías de información e comunicación (TIC) será "un dos polos de creación de emprego e de desenvolvemento económico nos próximos anos". Actualmente este sector conta en Galicia con más de 3.000 sociedades e dá traballo a máis de 20.000 persoas. 

Este vogal lucense do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (Coetg) puxo como exemplo da transcendencia que ten para Galicia que os máis de 300 reemisores de televisión que están en servizo nesta comunidade autónoma se deseñaron e fabricaron aquí. 

"En Galicia non só se deseña electrónica de primeiro nivel, senón que tamén se fabrica. Hai que por en valor algo que moita xente non coñece", segundo indicou este enxeñeiro de telecomunicacións que, como Jesús Méndez, de Caixa Rural Galega, foi alumno do colexio Fingoi, fundado por Antonio Fernández López. 

Introduciu este comentario a raíz de que se vai a desenvolver o segundo dividendo dixital, que é un proceso para liberar banda para que acolla as futuras redes de telecomunicacións 5G. 

O sector das TIC será un dos polos de desenvolvemento económico e de emprego nos próximos anos

Javier Fernández, que recoñeceu que este é un sector "moi técnico invadido lingüisticamente polo inglés", asegurou que desde o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia tratan de levar a cabo iniciativas para "fomentar o uso do galego" nas súas empresas. 

DEFENSA DA LINGUA. "Temos unha lingua rica dabondo e de máis para ser precisos en calquera tecnoloxía", afirmou este enxeñeiro de telecomunicacións, que indicou que o Coetg está colaborando coa Real Academia Galega para crear un dicionario galego das TIC.

Este técnico tamén fixo fincapé na importancia que supón ter o dominio .gal "como sinal de identidade" para, ao seu xuízo, lograr a diferenciación das empresas galegas "nun mundo tan abstracto coma internet e para facelas máis visibles".

Carlos Varela: "Hai que ter valentía política para modernizar a división territorial"

Carlos Varela. VICTORIA RODRÍGUEZEste xurista ourensán defende a necesidade de "modernizar" a división territorial de Galicia porque considera que non se poden garantizar os servizos cando o 65% dos concellos ten menos de 5.000 habitantes. 

Aclarou que tampouco se trata de seguir o exemplo dos países nórdicos, como Dinamarca, onde os concellos teñen máis de 20.000 habitantes, ou Suecia, con máis de 30.000. 

"Hai que ter valentía política para facelo. Esta é unha materia pendente dos políticos", afirmou o que fora fiscal superior de Galicia durante once anos, ata 2015. 

Na súa intervención no Día da Galeguidade Empresarial, organizado polo Foro Peinador co Grupo El Progreso e a USC, Varela avogou por que se constitúa a comarca funcional para axeitar a división territorial galega "as novas dinámicas socioeconómicas do século XXI" e porque a vixente é "decimonónica". 

O exfiscal superior de Galicia lembrou que a división en parroquias e en provincias data do primeiro tercio do XIX. 

Este xurista dixo que o que cualificou como "problema estrutural" xa fora abordado no Congreso de Economía de Galicia celebrado na capital lucense e que case un século despois "segue". 

Insistiu neste asunto porque considera que "a organización territorial é fundamental para ter unha división administrativa axeitada".

Ricardo Gurriarán: "Hai materia para facer unha tese sobre Antonio Fernández"

Ricardo Gurriarán. EPEste historiador, que tomou a palabra no seu nome e no do presidente do Foro Peinador, Xosé González, defendeu que "hai materia para facer unha tese de doutoramento" sobre Antonio Fernández López. 

Entre outros elementos, destacou que o colexio Fingoi "foi un referente educativo en Galicia e unha marca importante para Lugo". E lembrou que contou cunha imprenta da que saíron "exitosas publicacións".

Comentarios