Opinión

Todas as cores da rabia

DURO, FERMOSO poema de Rafeet Ziadah, As tonalidades da ira. Conta esta rapaza palestina que os versos brotaron como zume de rabia pola agresión dun soldado israelí nunha protesta na facultade: "Mereces ser violada antes de que teñas fillos terroristas!". Daquela, decidiu comportarse non como soldado, só palestina. O poema responde con palabras ao home armado.

Ocorre aquí e acolá. Mulleres fartas de violencia rebélanse. Cuspen fóra a rabia que levan dentro. Acabamos de vivir aquí, o 25-N, manifestacións masivas tinguindo coa cor morada o mapa do machismo.

Lisístrata, na comedia de Aristófanes, hai máis de dous milenios, protagonizou a primeira folga de sexo contra o macho, contra a violencia dos guerreiros. Mulleres kurdas hoxe, coas armas na man, rebélanse contra a crueldade dos fanáticos. En USA as mulleres son a punta de lanza contra un presidente que está a romper en dous o país con mensaxes de medo e odio. Iso está nos antípodas dos valores que soñaron os pais fundadores para o gran país.

Rafeet non quere ser soldado. Quere ser só muller, palestina armada coa forza das palabras, coa contundencia dos versos. En todos asoman os tonos da rabia. E quere usar a súa lingua árabe antes de que tamén sexa ocupada como a terra, como os alxibes de auga máis valiosa que o ouro, como os hortos, como as casas.

Sentada no chan diante do soldado, sabe que os terroristas palestinos, barbudos armados con credos de odio, matan. Pero matan máis, escribe Rafeet, os helicópteros negros, os F16. "Son unha muller árabe de color / e todas vimos de todas as cores da ira".

Rafeet universitaria, berrando na manifestación está lonxe dos estereotipos da muller sumisa e tapada que camiña detrás do varón. Que sae á rúa acompañada por un familiar. Que celebra ter carnet de conducir. Que só pode ser nai con voz suave, bailarina do ventre, chica de harén no imaxinario anticuado, escribe.

Ou que saca o velo como xesto de rebeldía. Que se une na rúa para asubiar cando é acosada sexualmente. E agora, un volcán de rabia cando ve impotente a destrución da casa, a ocupación da terra, as oliveiras arrincadas. Os fillos mortos son "danos colaterais".

Muller tan nova con tanta ira, advirte ao soldado xudeu de que algún día lle traerá desde o ventre outro rebelde. Que algún día, farta, levará unha pedra nunha man e unha bandeira na outra. Porque a ira coce ata que rebenta.

E van pasando os anos dun conflito social e armado. Remóntase aos inicios do s.XX. Como resposta á onda antisemita europea o sionismo reivindica unha patria no antigo Israel, partido en dous durante o mandato británico e nunca aceptado polos árabes. E aí siguen nos faiados do ventre das mulleres todas as cores da rabia. E aí siguen nos versos da palestina Rafeet todas as tonalidades da ira.

Comentarios