'The Widow' e 'Mouras' impóñense no concurso de curtas M de Cine

As obras de Noelia Muíño e Olga Osorio lervaron os premios do xurado e do público na cita que lembrou a Benjamín Jartín

A familia de Jartín. T.LÓPEZ
photo_camera A familia de Jartín. T.LÓPEZ

A peza The Widow, de Noelia Muíño, logrou facerse co recoñecemento do xurado profesional no concurso de curtametraxes do festival M de Cine, mentres que Mouras, de Olga Osorio, facía o propio co premio Xose da Flor, outorgado polo público.

O xurado, formado polo director Aser Álvarez, o actor Carlos Blanco e a actriz Sonia Méndez, quixo distinguir tamén cunha mención especial a curta Sendeiro, dirixida por Lucía Estévez.

Das máis de 40 creacións presentadas ao concurso promovido por Gaitafilmes Cultural, escolleronse para a final e proxectaronse na noite do sábado na casa da cultura meirega La madrina, de Pedro Sancho, Bostezó el perro y casi se traga mi drama, de Noemi Parga e Maullido de látex, de Brian Rodríguez, ademais das gañadoras. Todas optaban os premios do xurado e do público, valorados en 300 e 200 euros, respectivamente.

Mais o certame, que contou con numerosos asistentes, non foi o único punto forte do festival, xa que tamén se lembrou e homenaxeou ao proxeccionista meirego Benjamín Jartín, nun emotivo acto que contou coa presenza da súa viúva, arroupada pola súa familia, polo guionista e produtor Pepe Coira e polo editor e proxeccionista Alejandro Villodas.

Os test meiregos, a sección non competitiva Cinema con M, na que se podieron ver seis títulos de creadores galegos, ou a proxección de Trote, de Xacio Baño, completaron o programa de M de Cine.

Comentarios