Teoría e práctica do crédito

NOS ÚLTIMOS ANOS anos a redución do déficit foi o principal obxectivo da política económica tanto no Goberno do Estado como da Xunta. Na súa defensa tense repetido de modo continuado que as contas públicas son iguais que as das familias, cando non é así. A administración pode conseguir crédito cando as familias e as empresas poden ter o seu acceso pechado e establecer así algúns programas ben deseñados para promover a actividade económica. A experiencia obtida dou-tras crises económicas anteriores sinala precisamente que é necesario combinar os dous tipos de políticas: as de redución do déficit coas de programas de estímulo selectivo no investimento público e na actividade económica.

As políticas baseadas unicamente na redución do déficit resultaron en graves recortes en servizos públicos básicos e tamén no emprego, ao quedar as empresas afogadas pola falta de crédito e polo descenso no consumo de cidadáns que viron diminuír os seus ingresos pola perda de emprego ou recortes no seu salario ou que desconfían de cál será a súa situación futura. O problema do déficit tivo só unha lixeira redución, porque o forte recorte nos gastos quedou contrarrestado por unha elevada caída na recadación de impostos, a pesar das subas establecidas no Ive e no das persoas físicas. Mentres o paro seguiu subindo e está en niveis máximos sendo o primeiro problema da nosa economía e o obxectivo principal a combater.

Nas últimas semanas parece que hai un lixeiro cambio no discurso do Goberno desde a política dunha austeridade pura cara a algunhas medidas que poidan xerar emprego. Para iso precísase achegar un financiamento ás empresas do que non dispuxeron nos últimos anos, que afogou a economía de numerosas empresas, reducindo a súa actividade ou ocasionando o seu peche. Precisamente a razón básica dos elevados fondos públicos utilizados no apoio ao sistema financeiro nos últimos anos era salvagarda dos aforros dos cidadáns e o mantemento do crédito ás empresas. Con todo o crédito segue sen fluír a pesar dos fondos públicos investidos, uns de modo directo por medio de achegas de capital a algúns bancos e caixas de aforro e por medio do fondo de rescate europeo, e outros indirectamente mediante préstamos a moi baixo interese do BCE que os bancos rendabilizaron con investimentos en débeda pública. Nos últimos catro anos desapareceron en España un millón de pólizas de crédito por importes inferiores a 30.000 euros, que eran básicos para o capital circulante ou de funcionamento corrente de autónomos ou pequenas empresas. Os últimos datos dispoñibles indican que o crédito continúa sen fluír, pois só se conceden unha parte moi reducida das peticións solicitadas e os préstamos do Instituto de Crédito Oficial (Ico) reducíronse no último trimestre a unha terceira parte dos que se concedían un ano antes.

De modo que unha cuestión ben diferente é o discurso oficial e a propaganda do FROB co crédito manando da billa e outra a realidade dunha economía limitada polo crédito. Mentres tanto sobran os desplantes como o protagonizado polo responsable dun dos primeiros bancos que afirmaba que hai crédito e o que faltan son solicitantes.

Comentarios