La tentación de imitar

O xuízo final de Jan van Eyck. EP
photo_camera O xuízo final de Jan van Eyck. EP

Estamos en tempos de propósitos e eu non vou ser menos: propóñome neste 2015 ler e criticar máis novela e menos ensaio -despois dunha década- coa venia dos editores, que terán que mo poñer máis sinxelo que nestes anos.

'Los reconocimientos', de William Gaddis Mal non comezaron, xa que para pechar o ano 2014 a editorial Sexto Piso puxo na rúa ‘Los reconocimientos’ de William Gaddis, peza chave da narrativa postmoderna estadounidense, no marco dun esforzo editorial hercúleo para aportar á cultura española a novelística deste autor, aínda relativamente esquecido no seu propio país pero cuxa obra está a ser valorada cada vez con máis recoñecemento como ponte entre o modernismo europeo (a influencia de James Joyce é clara) e o postmodernismo novelístico estadounidense tal e como o representan Thomas Pynchon ou Joseph Heller.

William Gaddis non tivo unha vida literaria fácil. A súa fama foi tardía, moi posterior á novela aquí presentada, que data de 1955. Só os premios que gañou a partir de 1975 permitiron que abandonase o seu traballo de relacións públicas e promotor de documentais para grandes empresas e mesmo para o Exército. A súa influencia é recoñecida por moitos pero definida como subterránea -aínda que Pynchon non saiu a explicar nin isto nin outra cousa-.

Non é ‘Los reconocimientos’ obra para profanos nin para lectores que busquen a comodidade. Sen chegar á complexidade en referencias e técnicas narrativas dun ‘Finnegan’s Wake’, si ofrece grandes desafíos que non poden (nin deben) solventarse polo camiño da edición anotada (quizais remataríase antes cun volume paralelo de guía de lectura, algo absurdo a todas luces). Precísanse horas, concentración e diccionario enciclopédico (como pouco).

A historia, como a de moitas das obras mestras do século pasado, non é outra cousa ca unha enorme reflexión sobre a arte e a condición de artista. Wyatt Gwydon, o protagonista, é un pintor sen talento para a creación pero si para a imitación, o que o leva a colisionar ideoloxicamente con todo aquilo que o rodea: o seu inconsciente de artista; a industria creada arredor das falsificacións -a imitación e a institucionalización do «orixinal»-, cunha escena inesquecíbel por fáustica e conectada con Thomas Mann e o seu Adrian Leverkühn; os personaxes secundarios pertencentes ao mundo da bohemia do Greenwich Village, onde os cartos son o verdadeiro obxecto de adoración; e tamén con dous secundarios particulares pola súa relevancia, o marchante Recktall Brown e o esteta xesuíta Basil Valentine, os que fan que perda en verdade a súa alma de artista. Un palíndromo -‘trade ye no mere moneyed art’- dálle base á obra e resume as torturas do protagonista, os problemas da tentación de imitar e vivir da imitación e a frustración de desexar a orixinalidade e non acadala.

A terra prometida de Gwydon está en España: alí comeza a novela e aquí, a un mosteiro onde repousa súa nai, regresa para atopar a súa autenticidade na restauración de telas. Trátase dunha España negra, de relixiosos e pobreza, perfecta para a extravagancia do fillo dun excéntrico pastor calvinista de Nova Inglaterra. O contraste coa bohemia das falsificacións é poderoso e ao mesmo desconcertante polo feito de que moi dificilmente pode o lector interpretar ese retorno como unha liberación.

Gwydon, magnífico pintor das obras dos demais, obsesionado coa pintura flamenca de Van Eyck ou Bosch, non é un personaxe sinxelo. E Gaddis non resulta precisamente amigábel para o lector. Temos que colaborar, aceptar o reto da eliminación de marcas de lectura, concentrarse no discurso e lembrar o aprendido na escola, universidade, carreira e outras lecturas.

O premio vai ser superar un reto intelectual e entrar de cheo no debate da mercantilización da arte nas súas mesmas orixes, despois das convulsións intelectuais das vangardas e as convulsións históricas das guerras.

Los reconocimientos, de William Gaddis.
Editorial Sexto Piso
Páxinas 1.376
Prezo 35 €

(Publicado na edición impresa de El Progreso o 10 de xaneiro de 2015)

Comentarios