Imprimir

O tecor Terra Chá amplía a tempada de caza de xabarín pola "emerxencia cinexética"

El Progreso de Lugo | 14 de febrero de 2020

Una familia de jabalís.AEP
Una familia de jabalís.AEP
A entidade prepara ademais para este sábado unha proba de cetrería aberta na zona do Arneiro, no municipio de Cospeito

O tecor Terra Chá, o máis grande de Galicia e que comprende 46.000 hectáreas repartidas polos concellos da Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, acaba de anunciar que ampliará a tempada de caza de xabarín no seu territorio durante todo o mes de febreiro por estar "no epicentro da zona de emerxencia cinexética temporal" na provincia de Lugo, denominada así pola Consellería de Medio Ambiente.

Na actual campaña, o tecor leva abatidos un total de "254 xabaríns, 34 por riba dos 220 autorizados temporalmente e superando os 180 do ano pasado", ao acollerse a outra das medidas autorizadas pola Xunta, a cal permite superar o cupo nestas zonas de emerxencia.

Dende a xunta directiva do tecor Terra Chá queren transmitir a súa comprensión ante "a delicada situación que viven os agricultores e gandeiros da comarca, debido ás continuas perdas sufridas polos danos ocasionados polo xabarín", ademais de poñer de relevo "os innumerables accidentes viais rexistrados nos últimos meses". "Ampliamos a tempada co obxectivo de regular a poboación de xabarín na medida do posible e de reducir a incidencia dos danos provocados polo mesmo", resumen.

Ademais de anunciar esta ampliación da tempada, o tecor Terra Chá organizará este sábado xunto á Federación Galega de Caza e á Sociedade Galega de Cetrería, unha proba aberta nuns terreos do Arneiro, en Cospeito. A cita dará comezo ás 9.30 horas e prolongarase ata ben entrada a tarde coa participación dos mellores cetreiros de toda Galicia.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/a-chaira/tecor-amplia-tempada-caza-xabarin-pola-emerxencia-cinexetica/202002141937451423353.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)