Tecendo Brincadeiras: xogar en tempos de pandemia

O proxecto, xurdido na desescalada da man de catro amigos para crear entretementos cos que dinamizar os paseos dos nenos pola rúa, incorpórase aos patios dos centros educativos
Integrantes de Tecendo Brincadeiras, no Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira. EP
photo_camera Integrantes de Tecendo Brincadeiras, no Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira. EP

Unha mariola por aquí, unhas pegadas por alí, uns puntiños de cores que marcan un camiño por acolá... Pode parecer algo moi sinxelo, pero estes xogos de sempre pintados nas rúas, nas prazas e agora, nos patios dos colexios, convértense nunha peza clave para o entretemento dos nenos nunha época na que o contacto está case prohibido e o compartir xa non é unha máxima.

A psicóloga Natalia García, de Muimenta (Cospeito), e os deseñadores gráficos Iago Anello, da Graña (Abadín); Miguel Costa, de Monterroso, e Alberto Paz, de Arteixo, puxeron en marcha o proxecto Tecendo Brincadeiras durante a desescalada, pensando na poboación infantil e na súa falta de opcións para entreterse cando as súas alternativas de lecer se limitaban a dar un paseo pola rúa, cos parques infantís e outras instalacións pechadas.

"Os catro somos amigos dende hai tempo e durante o confinamento estivemos moito en contacto, todos temos unhas inquedanzas similares e, ao ver as normas que se estaban fixando, pensamos que sería xenial ter alternativas para dinamizar os paseos", recorda Natalia sobre o inicio dunha iniciativa que tivo moita mellor acollida da que eles esperaban.

MEIRA TECENDO BRINCADEIRAS (4)Empezaron nas rúas en maio, cunha colaboración co Concello de Lugo, onde colorearon ao redor de 60 xogos repartidos por máis de 40 puntos da cidade, e pasaron por Muimenta, onde a Praza Maior se convertía en xuño nunha área lúdica ante a imposibilidade de celebrar a Festa dos Xogos Tradicionais de Xotramu.

As chamadas, dende distintos ámbitos, comezaron a producirse e o inicio do curso escolar, cos menores de volta á aulas e o uso dos patios escolares moi limitado pola estrita normativa, converteu a iniciativa de Tecendo Brincadeiras nunha alternativa idónea para o lecer dos pequenos estudantes.

"Como non se pode tocar o material nin se poden compartir xoguetes, queriamos que os nenos dispuxesen de xogos inclusivos, accesibles e igualitarios", precisa Natalia, que apunta que adaptan cada deseño ás necesidades do centro, á idade dos escolares ou ao espazo dispoñible. "Os xogos procuran unha interacción segura, con distanciamento, e axudan a romper a monotonía do patio", engade.

Seguindo ese mantra que Tecendo Brincadeiras busca a través dos seus xogos, a creación de patios inclusivos, accesibles e igualitarios, as pegadas, o tres en raia, os labirintos ou as xincanas convértense non só nunha alternativa de ocio para os recreos, senón tamén nunha opción formativa fóra da aula, pois inclúen letras, números, palabras en inglés ou calquera outra proposta que poida axudar aos pequenos a asimilar conceptos ao tempo que se divirten. Colexios coma o de Fingoi, en Lugo, ou o Monseivane de Lanzós, en Vilalba, xa probaron a efectividade duns desexos que xa viaxaron ata á Golada e que veñen de aterrar nos patios do Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira.

E xa hai uns cantos máis interesados en encher de cores os seus espazos de ocio a través desta iniciativa, da que se pode saber máis no Instagram @tecendobrincadeiras.

MEIRA TECENDO BRINCADEIRAS (1)

Comentarios