Opinión

Tan lonxe de min

O FILÓSOFO Clément Rosset en Lejos de mi. Estudio sobre la identidad (Marbot Ediciones, Barcelona, 2017) defende unha tese atrevida: a identidade social é real, a persoal imposible. Esta tese vai contra a evidencia que cada un ten do seu eu privado.

Segundo Rosset, a identidade social do eu ten curso oficial: está ligada a documentos, testemuños, probas e recoñecementos. Porén, a identidade persoal do eu é imaxinaria: pertence ao reino inescrutable e incerto das fantasías e soños do suxeito, dos pensamentos privados que ninguén chega a coñecer e o propio suxeito non consegue recoñecer. A primacía do eu social sobre o eu privado mostra a realidade do primeiro e natureza fantástica do segundo.

As persoas atenden aos nosos feitos, xestos e palabras, non ao que nos pasa pola cabeza. Apéganse á nosa presenza en público e entre o público, aos nosos actos e actuacións. Descoñecen o relato de nós que facemos e refacemos no diálogo interior. Non participan dos recordos e anamneses practicadas en soidade. Cando o eu cre mergullarse na súa memoria biográfica, entrégase á súa memoria de ser social. O verdadeiro eu resulta inalcanzable porque, en realidade, non existe. O único que encontra o suxeito é o sentimento do eu, nunca o seu eu. Daquela, a identidade persoal é un hóspede invisible que, ás veces, se torna visible nun ángulo de visión que non acerta a miralo directamente e identificalo de forma certeira. Está de costas, como o protagonista de O camiñante sobre o mar de nubes de Caspar David Friedrich e A reprodución prohibida de René Magritte. Quen busca o seu eu decepciónase, non encontra nada de valor distinto ao que xa sabe. Quen cre encontrar o seu eu, só captura o carácter repetitivo do seu comportamento social. Quen medita sobre si tópase, tan só, cun vago sentimento de si.

O disimulo máis común para esta falta de ser da identidade persoal é adquirir unha identidade prestada. Imitar a outro é a fórmula para construír unha personalidade íntima, a estrutura dun eu. Esta imitación dura até a idade adulta porque o outro que me formou debe seguir actuando. De non facelo, o meu mundo deixa de existir. De interromperse a súa acción, non existo. A razón reside en que o eu non desexa o outro, desexa o desexo do outro. Ao eu só lle cabe desexar o que desexa o outro, investido de poder e autoridade.

Rosset sospeita que o eu vive copiando exemplos que admira, modelos que o fascinan, persoas que o marabillan. Mais nisto non é orixinal: aseméllase aos outros que tamén copian e reproducen outras vidas. Até o infinito. O outro imitado é tamén, na orixe e no seu termo, un eu prestado. Unha identidade de ocasión.

Sentida como real, en realidade imposible, a identidade persoal pode ser un préstamo do amor que os outros teñen por nós. Existir como seres amados incide na idea de que a identidade persoal é arrendada durante o tempo que perdura. De aí que a quebra dese amar reverbere na (baleira) identidade persoal. Identidade irreal, con todo sentida como real. Identidade prestada. Ora ben, falsa e verdadeira: falsa porque non expresa un fondo auténtico, real; verdadeira porque procede dunha persoa ou persoas reais cuxos trazos se toman prestados.

A tese de Rosset é arriscada. De ser certa, deita luz sobre fenómenos sociais actuais. Mais ensombrece a responsabilidade persoal (moral, xurídica) e desbota o libre albedrío. Ademais, poida que o sentimento de identidade persoal si teña utilidade: dotar de consciencia á ignorancia do baleiro de si; servir de interrupción do curso, unhas veces abafante, outras simplemente pánfilo, da alienación social de non saberse outro, e o outro ignorarse eu.

M. A. Martínez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios