Opinión

Sumas e restas

UNHA PARTE da esquerda ten un problema. Converte a economía en filosofía e, en ocasións nunha ficción. O relato comeza con Marx. Hai unha clase privilexiada que rouba aos pobres. Logo, apenas compre que estes fagan forza para corrixir a inxustiza. Con esta mensaxe pódese facer moito ou nada, segundo o caso e o grao de acerto dos dirixentes e dos gobernos. Houbo un tempo en que a socialdemocracia, sobre todo nos países nórdicos, foi un exemplo. Alí creouse unha sociedade composta case enteiramente pola clase media, sen bolsas de pobreza e con uns impostos que mesmo chegaban ao setenta por cento para os máis ricos. Semellaba a fórmula ideal e tentouse a súa implantación noutros países europeos.

Sen chegar a ser escandinavos, o feito é que ese modelo fixo moito pola integración e o progreso social . Na práctica, todos os partidos socialistas europeos, e mesmo algúns comunistas, mudaron cara estes principios, esquecendo a linguaxe revolucionaria, loita de clases e ditadura do proletariado. O maior acerto foi que nunca esqueceron que a economía é tamén unha ciencia, e ten moito que ver coa matemática. Claro que non todos abrazaron o novo credo, e mesmo algúns grupos de recente aparición seguen a cortexar o imaxinario marxista. Velaí o grego Tsipras, que chegou ao goberno cun discurso baseado na loita contra o capitalismo internacional. Buscando un inimigo externo, aforraban o traballo de limpar a propia casa. Deste xeito, o partido Syriza puxo en movemento ás masas contra a Troika, o Fondo Monetario e, sobre todo, contra Merkel. Por suposto, este discurso tamén se oía en outros puntos de Europa, e tamén en España, pero o caso singular de Grecia era que este se facía desde o goberno, ao tempo que pedía máis e máis créditos que eran pagados polos mesmos que recibían os ataques, comezando pola propia chanceler alemá, pero tamén por outros países como España que, sen estar na crista da ola, xa ten posto uns 26.000 millóns de euros, e agora disponse a contribuír con outros 10.000. Mesmo países modestos como os bálticos, onde os soldos e as pensións non chegan ao nivel grego, se preguntan por qué a Unión Europea non ten sido máis espléndida con eles.

Tamén se preguntan irlandeses e portugueses se o seu duro exame para recibir o rescate tivo algún sentido. Porque o feito é que Tsipras estivo instalado na idea de que el chegou ao seu posto para facer discursos e encabezar manifestacións. Pero cando tivo que pechar os bancos e bloquear as contas; cando viu que as pancartas ían contra el e que tiña que sacar os antidisturbios para que despexaran a praza Sintagma, deuse conta, por primeira vez, que os gregos non querían máis circo, agora queren pan.

Comentarios