Substraídos 400 euros en equipos de limpeza dunha urbanización de Barreiros

Entraron nun complexo residencial practicamente baleiro en Altar

Urbanización na que entraron os ladróns, preto de Altar. I.G (AMA)
photo_camera Urbanización na que entraron os ladróns, preto de Altar. I.G (AMA)

Unha empresa de limpezas con sede en Lugo denunciou o roubo de diverso material, valorado en máis de 400 euros, que lle substraeron dun cuarto de contadores eléctricos, onde o tiñan gardado, no interior dunha urbanización barreirense próxima á praia de Altar.

Os ladróns aproveitaron o feito de que o complexo residencial permanece deshabitado a meirande parte do ano, principalmente nestas datas, para entrar no recinto. Os denunciantes calculan que o roubo tivo que producirse nalgunha data entre as doce do mediodía do pasado 29 de decembro e as once da mañá do venres 5 de xaneiro.

Unha persoa que representa á empresa de limpezas afectada por este furto presentou no cuartel da Garda Civil barreirense a denuncia tras percatarse da falla do material que necesitaban para desenvolver o seu traballo de xeito habitual.

Quen queira que fose, sabía onde se gardaba este material, porque accedeu directamente ao cuarto de contadores da electricidade e doutros subministros da urbanización para apoderarse dun carro da limpeza, valorado nuns 300 euros.

Tamén substraeron o material que había e que a empresa afectada cifrou nuns 140 euros. Descoñécese o valor dos danos causados para entrar no recinto.

Polo demais, a Garda Civil continúa investigando os roubos producidos en varias segundas residencias da localidade barreirense dende o pasado verán. Unha grande parte delas pertencían precisamente a veciños da capital luguesa que as teñen para veranear ou pasar tempadas de descanso na costa.

Comentarios