"Sopesaría irme fóra se soubese que podía voltar e ter un traballo"

Sonia Freire ten vocación científica, pero as perspectivas desoladoras coas que se atopan os investigadores neste país botárona para atrás. Agora traballa na empresa privada, pero vén de ver o froito do seu esforzo publicado na revista científica Scientific Reports, que recolle un estudo no que describe como se forman as placas de amiloide que causan a enfermidade de Alzheimer

 

Sonia Freire1
photo_camera Sonia Freire. EP

Natural de Guitiriz, Sonia Freire estudou a Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade en Química Industrial, e a licenciatura en Tecnoloxía dos Alimentos no campus de Lugo, as dúas titulacións que ofertaba a facultade de Ciencias antes da transición ao plan Boloña. Hai tres anos leu a súa tese de doutoramento, que realizou baixo a dirección de Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo neste mesmo centro. O acto de defensa, no que obtivo a máxima calificación, foi o seu último contacto co mundo da investigación, aínda que o seu traballo segue dando froitos, como o artigo que acaba de ser publicado na revista Scientific Reports e no que se explica como o amiloide Ab-42 forma aglomerados no cerebro de forma espontánea a partir dunha concentración determinada. Eses aglomerados considéranse a causa da enfermidade de alzhéimer.

Coa tese rematou a súa carreira investigadora?
Si, de feito os últimos meses estiven xa traballando na empresa privada e dedicábame á tese no meu tempo libre.

Supoño que lle dará moita satisfacción publicar en Scientific Report, pero ao non ter unha carreira científica hai un rédito desa publicación que non poderá aproveitar, non é?
A min alegroume moito conseguir esta publicación porque era unha parte do traballo de tese moi importante que non se puido publicar antes de rematala, aínda que a tese xa o recolle. O artigo é unha satisfacción inmensa de pechar por fin ese punto, pero é verdade que quedas sen obteres ese rédito, aínda que a recompensa persoal inflúe moito e tamén é unha recompensa para o meu grupo de investigación que, aínda que non traballo alí, sigo querendo que siga avanzando todo o que poida. Ao final a publicación compártela co resto do mundo para que se poida continuar esa investigación, que non quede abandonada. Os traballos de investigación sempre se acaban relacionando uns con outros e todo implica un pequeno paso máis na investigación dunha enfermidade.

Mercedes Novo, a súa directora de tese e coautora do artigo, di que esta investigación púidose facer grazas á súa tenacidade e meticulosidade porque as características do traballo precisaban unha persoa así.
O traballo con ese tipo de amiloide é moi complicado e necesítase moita paciencia e moito coidado no manexo das disolucións e en todos os procesos, por iso necesitas esas características para poder traballar con el. De feito, a maior parte das veces que se investiga sobre o alzhéimer non se traballa con ese péptido polas dificultades que trae consigo; non hai tanto coñecemento del precisamente polas dificultades que acarrea o seu manexo.

As empresas por aquí aínda non valoran moito o tema da I+D empresarial. Iso aínda está bastante parado

Tamén di que se perde unha grande investigadora. É o que a vostede lle gustaría ser?
Si, a min sempre me gustou. De feito empecei nese campo vendo xa un pouco a realidade que se podía intuír ao final porque realmente xa sabía case desde o principio que era moi difícil obter un traballo estable de investigadora. Inícialo con esperanzas, pero xa empezas a ter dificultades coa financiación case desde o principio, de feito traballei varias veces na empresa privada polo medio da tese de doutoramento porque me quedaba sen financiación para facela e necesitaba seguir adiante igual. Vaste atopando sempre con esas dificultades, entón, aínda que che gusta, ao final tes que tomar a decisión de rematar a tese e deixalo ou marchar fóra de Galicia, mesmo de España.

Esa opción non a sopesou?
Sopeseina nun principio, pero despois descarteina porque a miña intención era permanecer na miña terra. Se soubeses que te marchabas e que, despois do traballo que tiveses que realizar, ías conseguir volver e ter un traballo un pouco estable aquí pensaríao sen ningún problema, pero practicamente sabía que volver ía ser moi difícil.

Ten esperanzas de poder recuperar a carreira investigadora ou dáa por perdida?
As esperanzas nunca as perdes, porque é algo que che gusta e que che gustaría continuar e ves que por enriba che publican o traballo, que se podería ter seguido... pero a investigación segue en crise en España e iso fai moi difícil continuar.

Se houbese financiación, esta é unha liña que podería ter continuidade?
Si, seguramente daría máis de si.

O currículo investigador abriulle portas na empresa privada?
Non, hoxe as empresas por aquí aínda non valoran moito o tema de I+D. Iso está bastante parado. Eu atopei traballo a través da licenciatura.