Opinión

Sondaxes e educación máis aló do 12 de xullo

Este mércores pola tarde a páxina web do diario El Progreso colgaba os resultados do barómetro do CIS correspondente ao mes de xuño. Na mesma, o PP volvería a gañar as eleccións xa que un 34,7 por cento dos votantes así o manifestaba, seguido polo BNG cun 14,8 por cento e sendo terceiro o PSdeG cun 14,1 %. Moi por detrás pecharían a sondaxe Galicia en Común-Anova-Mareas que caería ata un 2,5 %, Vox cun 0,4 % e Ciudadanos cun 0,1 %. Se á intención directa de voto sumamos a simpatía, as porcentaxes variarían pero o resultado global sería moi semellante. Teño moi claro que as enquisas son só iso e que nos últimos comicios electorais o acerto das mesmas deixou moito que desexar, pero desta sondaxe podemos tirar unha serie de conclusións.

A primeira é que non está claro que Feixóo revalide a maioría absoluta, pese ao uso fraudulento e partidista da RTVG e a perigosa carreira por «desescalar» Galiza. A segunda é que o BNG segue en alza (algo que non só se foi vendo nas últimas enquisas senón que tamén se puido demostrar nas últimas eleccións) e podería alzarse coa segunda praza no Parlamento de Galiza (cunha Ana Pontón que é a segunda candidata mellor valorada) ao recoller a maior parte dos votantes da antiga En Marea. A terceira é que o PSdeG non ten un líder carismático que convenza (Gonzalo ten un perfil moi baixo) e que sufre o desgaste das accións do goberno do Estado (xestión da Covid, peche de Alcoa...). A cuarta é o derrubamento do conglomerado que segue a xirar arredor de Podemos, que tiveron entrada en Galiza grazas á parte escindida do nacionalismo e que hoxe só mantén o respaldo nas zonas urbanas, castigada tamén pola acción do goberno en Madrid. A última é que o PP non deixa medrar a ningún rival á súa dereita e, pese a que tanto Vox como Ciudadanos non é previsible que entren na cámara galega, poden roubar os suficientes votos como para facerlle perder algún deputado nas catro circunscricións.

Nun escenario aberto como este será moi importante a campaña que os distintos partidos realicen ata o día 12 de xullo (algo que Feixóo quería acurtar na medida do posíbel por medo a perder a maioría absoluta). Nese sentido, o mércores pola tarde Olalla Rodil e eu mantivemos un encontro con Anpas, sindicatos de profesores, de estudantes e en xeral con persoas a título individual que forman parte do mundo do ensino para expoñer as medidas do ámbito educativo recollidas no programa electoral do BNG.

Na xuntanza analizamos a pésima xestión da consellaría de educación nestes últimos tres meses de curso que ignoraron por completo á inspección educativa na toma de decisións organizativas, que non informaron para nada a equipos directivos e profesorado, que non suturaron a fenda dixital entre o alumnado e que esqueceron a atención que o alumnado con necesidades educativas especiais precisa, nun remate de curso que se superou como puido grazas ao empeño do profesorado, das familias e do alumnado, verdadeiro heroe desta pandemia.
Polo tanto o 12 de xullo temos a posibilidade de apostar por unha xestión diferente diante dun problema que continúa agardándonos á volta da esquina (diminución das ratios coa contratación de persoal, coordinación dos distintos elos do sistema, dixitalización, formación do profesorado...), pero tamén que cando todo volva á normalidade outro ensino é posíbel (derrogación do Decreto do plurilingüísmo, plan integral do ensino rural, restitución das 21 horas lectivas en infantil e primaria e das 18 en secundaria, eliminación progresiva dos concertos educativos, mellora na atención á diversidade...).

Nota: por mor da campaña electoral non volveremos a vernos ata o venres, 17 de xullo.

Comentarios