Son d'Aldea enaltece a vida no rural galego na contorna do Castelo de Pambre

Unhas 500 persoas participaron en actividades e gozaron de actuacións musicais, rutas teatralizadas, conferencias, mesas redondas e música tradicional

A contorna do Castelo de Pambre acolleu este venres e sábado o Son d'Aldea, un encontro que lle permite aos participantes somerxerse de cheo no día a día dunha aldea galega dos anos 40 e 50, recordando a época de apoxeo do mundo rural e á vez reivindicando as súas posibilidades económicas. 

Unhas 500 persoas participaron nesta sexta edición do evento. Segundo explicou a deputada de Turismo, Pilar García Porto, a organización limitou o número de prazas no festival co obxectivo de "asegurar unha experiencia de calidade que invite á reflexión, fuxindo da masificación que podería estragar a esencia dunha cita coma esta".

A xornada do venres dedicouse a meditar cunha mesa redonda sobre a situación das persoas maiores que viven agora mesmo no rural galego, poñendo o foco tanto na análise das características que definen a súa realidade, coma fixando as claves que permitan manter e atraer poboación a estas zonas de Galicia no futuro. Ademais,  presentouse o libro As novas na Aldea 2018, tivo lugar un monólogo de Caxoto e o día rematou cunha cea na que non faltou o baile ao son da asociación cultural Palacio do Rei. 

O sábado foi o momento de viaxar no tempo en primeira persoa. A veciñanza da parroquia de Santiago de Albá recibiu aos participantes coa vestimenta propia da época: zocas, saias, pantalóns de pana, e boinas e panos na cabeza.  Todo coidado ao detalle para amosar, proxectar e dignificar a vida no rural da maneira máis rigorosa, sen faltar a música e a romaría co grupo Os Melidaos. 

Comentarios