Imprimir

Silencios baleiros sen a tolemia doutrora

El Progreso de Lugo | 24 de junio de 2019

Un dos axentes da SIR, nun corredor do San Rafael. M.MANCEBO
Un dos axentes da SIR, nun corredor do San Rafael. M.MANCEBO

O psiquiátrico de Castro, que foi tralo seu peche definitivo en 2012 un espazo de creación artística temporal co proxecto EntoleArte, converteuse agora nun campo de adestramento para a Garda Civil

Por que?
O manicomio San Rafael de Castro encheu ducias de páxinas da Chaira, antes e despois de pechar definitivamente en 2012 como o último de Galicia xestionado por unha Deputación.
Protagonista
Non hai un só protagonista nesta historia, senón 79, os últimos pacientes que foron trasladados do vetusto centro de Castro de Ribeiras de Lea a novos destinos.
Un chisco de historia
O Centro Asistencial e Rehabilitador San Rafael funcionou dende os anos 50. Foi o único creado na comunidade para atender só pacientes psiquiátricos. Contou coa súa propia revista en galego, ‘Falemos’, que chegou a publicar 50 números entre 1982 e 1992.

SILENCIO. CORREDORES BALEIROS. Cristais rotos. Po. Cadeiras de rodas espalladas polos recunchos xunto a enseres e mobiliario nos que se albiscan tolemias doutrora. Ese é o estado que presenta a día de hoxe o Centro Asistencial e Rehabilitador San Rafael de Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, o último dependente dunha Deputación en pechar as súas portas definitivamente en Galicia no ano 2012.

Construído durante o franquismo dentro do complexo agrogandeiro da Granxa Gayoso —que na súa superficie total de 330 hectáreas incluía ademais das propias infraestruturas agropecuarias este centro, a lagoa de Caque ou as actuais dotacións da Cruz Vermella e de Fudace—, a súa estrutura seguía o modelo panóptico ideado polo filófoso inglés Jeremy Bentham para controlar todos os recunchos dende un único punto, un deseño que tamén se aplicou a cárceres, escolas e fábricas durante o século XIX.

O centro, que estivo atendido ata mediados dos anos 90 polas monxas de San Vicente Paúl, tiña incluso o seu propio camposanto, onde foron sepultados ata a década dos 80 os internos que non eran reclamados polas súas familias. 

No seu ocaso, protagonizou unha mostra fotográfica e o documental Entre Marbella e Torremolinos. Imaxes de manicomio, filmado polo fotógrafo barreirego Xosé Reigosa, un título que facía referencia aos nomes cariñosos cos que os pacientes bautizaron os pavillóns que separaban os homes e as mulleres.

Antes da súa clausura definitiva, a Deputación tratou de cederllo gratuitamente á Xunta para buscarlle un novo uso sanitario ou social. Incluso se valorou a posibilidade de instalar alí, previa rehabilitación do inmoble, a Fundación de Dano Cerebral de Fudace. Todo quedou en nada e o ente provincial pasou a chave en febreiro de 2012. 

Os últimos 79 pacientes foron recolocados noutros centros, como o de Calde, portando as súas  escasas pertenzas en bolsas de plástico. A decisión, que non caeu ben entre os veciños de Castro de Ribeiras de Lea, afeitos á presenza dos enfermos, que facían as súas compras e a súa vida na vila. Como uns máis. Integrados á perfección.

Sen marcha atrás, o inmoble, que presentaba un importante deterioro pola falta de investimentos nos últimos anos, serviu pouco despois do seu peche como escenario para o proxecto de creación artística multidisciplinar EntoleArte, posto en marcha dende a Rede Museística da Deputación de Lugo.

Un cento de artistas buscaron inspiración no psiquiátrico San Rafael, percorrendo eses corredores hoxe baleiros. E, no mes de abril de 2012, presentáronse 75 proxectos, individuais e colectivos, que lle devolveron a vida ao vello manicomio por espazo dunha horas ante a atenta mirada de máis de 800 asistentes.

Explosións imaxinativas que quedaron no esquecemento dos muros e paredes dun centro que foi vítima de saqueos e de roubos constantes durante anos, ata a chegada dos seus actuais moradores esporádicos. 

En 2015, a Comandancia da Garda Civil de Lugo asinou coa Deputación un acordo de uso das instalacións mentres non se empregasen para outra actividade, cousa xa pouco probable. O obxectivo non era espantar os ladróns, aínda que o lograron, senón converter o manicomio nun campo de adestramento.

Durante dous días á semana, a Sección de Intervención Rápida (SIR) acode ás instalacións para formar os axentes de toda a comandancia, propoñéndolles supostos nos que simulan entradas en vivendas nas que se está a producir algún delito ou conflito.

Despois das voltas que deu este impoñente inmoble, a dúbida é: quen será o seguinte en habitar o San Rafael?

E en 2012 tamén pasou...

Abadín
▷ A cámara agraria comeza a gozar dunha segunda vida como biblioteca, albergando preto de 5.000 fondos, e empregándose como local para cursos e actividades formativas.

Begonte
▷ A entidade cultural Castiñeiro Milenario substitúe a Feira de Pacios polo Festival 27327, que continúa celebrándose verán tras verán e apostando polos grupos tradicionais.

Cospeito
▷ Os veciños réndenlle tributo aos policías moteiros cunha escultura de Nadales en Feira do Monte, coincidindo co décimo encontro da asociación Lagoa de Cospeito.

Guitiriz
▷ A xunta local da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) organiza unha multitudinaria cea solidaria, que continúa a celebrarse hoxe en día.

Muras
▷ Os veciños do municipio mobilízanse para defender a única oficina bancaria que hai no concello. Conségueno. Emprazada na Praza da Galeguidade, hoxe aínda abre varios días á semana.

A Pastoriza
▷ O Punto de Atención á Infancia (PAI) trasládase a un edificio de nova construción, ao que asisten un total de 19 pequenos do municipio. 

Vilalba
▷ Xermolos e a Irmandade Manuel María nomean ao párroco Uxío García Amor Chairego de Honra, polo seu incansable traballo a prol da cultura. Tamén foi distinguido no mesmo ano como socio honorífico da coral Polifónica Vilalbesa.

Xermade
▷ O tranquilo barrio de Casas Novas, na parroquia xermadesa de Burgás, vese sobresaltado polo macabro crime de Víctor e Eulogio Hermida. 

Meira
▷ O cineasta meirego Eloy Enciso participa no Festival de Locarno co seu traballo ‘Arraianos’, sobre unha pequena aldea perdida entre as montañas de Galicia e de Portugal.

Pol
▷ A SAT Agropegal de Caraño inaugura unha sala de muxido pioneira que permite o manexo de 40 vacas ao mesmo tempo. 

Ribeira de Piquín
▷ O mestre do son tradicional Xosé Manuel Seivane recibe sepultura o 29 de xaneiro. O cura Alfonso Blanco oficia un funeral multitudinario.

As Pontes
▷ José Antonio Vallejo recolle nun documental a rehabilitación da mina, convertida en lago e cuxa praia abría no verán. Unha exposición en Madrid lembra o proceso.
 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/chaira-13-aniversario/silencios-baleiros-tolemia-doutrora/201906242302471383965.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)