Ses: "Este traballo é un disco de amor á humanidade e á nosa identidade"

O último disco da cantautora galega, 'Opoñerse á extinción', segue a liña dos tres anteriores, con sons que van desde o rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana ► A xira de presentación deste traballo colga, desde o primeiro concerto, o cartel de "non hai entradas"

A XIRA do seu cuarto disco, Opoñerse á extinción, leva á cantautora galega Ses, María Xosé Silvar, ao auditorio da casa da cultura de Burela o vindeiro sábado, ás nove da noite. Despois de esgotar as entradas nos concertos que deu na Coruña, Narón, Ourense, Vigo e Pontevedra, a venda en Burela xa supera as 400 e aínda se poden mercar de xeito anticipado. 

Iniciou a xira de Opoñerse á extinción coas entradas esgotadas. Como fai sentir iso?
Con ganas de seguir traballando. É o único que me importa, por encima das críticas que poida ter, o que verdadeiramente teño en conta é que a xente cante as miñas cancións e que lle gusten. 

Como define este cuarto disco?
Son doce cancións feitas do mesmo xeito e dando protagonismo a cada unha por separado. Aínda que todo o disco teña coherencia e conexión estética e actitudinal, cada canción ten o seu protagonismo. O importante é que cada unha delas soe como a aquilo que teño na cabeza cando a compuxen. 

Iso musicalmente falando, pero, e sentimentalmente?
É un disco de amor á humanidade e á nosa identidade. 

En que se inspira á hora de compoñer?
Son unha persoa moi intensa e todo me importa, o cal ás veces non resulta sinxelo porque me enfado a cotío coa realidade que estamos a vivir, pero iso dame facilidades á hora de compoñer porque non me teño que esforzar para contar cousas. 

Evolución: "Co tempo gano coñecementos técnicos que me permiten gravar o que teño na cabeza tal e como quero"

Nas súas cancións ten moita presenza a denuncia social.
Moléstame moito que me digan que fago críticas, porque son unha cidadá máis e na miña vida pasan as mesmas cousas que nas do resto da xente. Non son política, digo o que sinto e o que penso e moitas veces o que me pregunto é onde está a sensibilidade inherente á arte que deberían ter todos os artistas. Neste senso considero que a normal son eu e os raros, os outros. 

Que diferenza este disco dos tres anteriores?
O único diferente é que reflicte a miña evolución. Co tempo vou ganando coñecementos técnicos, sobre todo para que o que teño na cabeza o poida gravar como quero, que é o que busco, poder plasmar as cousas como quero. Tendo en conta isto, este disco é mellor cos anteriores, pero peor cos que virán despois. 

Ten dito que nunca quixo ser cantante, como chegou logo a selo?
Como persoa lúcida, non quería ser cantante pero sempre me gustou cantar, bailar e tocar música tradicional, aínda que nunca me sentín, ni me sinto, moi artista, o único que teño é esa hipersensibilidade que os caracteriza. Pero en 2007 presenteime cuns amigos a un concurso de Santiago Auserón e fixáronse en min.

Que queda daquela Ses?
Todo. Son filla dunha familia humilde e fun educada con sabedoría. O que aprendín neste tempo é que hai que ser listo e protexerse porque neste mundo hai moita hiena, e sobre todo para unha muller todo é máis dificil.

Actitude: "Moléstame que digan que son crítica, porque son unha cidadá máis que digo o que penso e o que sinto"

Ultimamente os artistas din que vai ganando terreo o directo en lugar da venda de discos, que se resentiu moito na crise.
A min gústame tocar en directo e tamén facer discos. Son cousas distintas, pero as dúas son bonitas e cada unha ten a súa parte entretida. Non renuncio a ningunha delas. Igual que fago moitos directos, non teño pensado deixar de gravar. De feito xa o estou facendo outra vez e para o vindeiro ano probablemente saque outro disco. Son unha traballadora e non teño vontade de parar.

Prefire tocar en salas pequenas ou en auditorios máis grandes?
Todo ten o seu encanto. Tocas para cincuenta persoas e pásalo ben e tamén está ben facer concertos grandes que soen potente e onde ves a xente bailar e disfrutar. E tamén o xeito de actuar é distinto, porque por exemplo nun concerto íntimo nun auditorio falo moito e nun espazo máis grande non. E penso que á xente lle gustan tamén as dúas cousas.

Onde cre que reside o éxito da súa música?
Penso que na honestidade do proxecto, porque á xente gústalle iso, aínda que en realidade non o sei. A todos nos gusta a autenticidade, que é unha cualidade indispensable que ten que ter un artista. 

Despois de Burela continúa de xira fóra de Galicia.
Si, teño concertos en Euskadi e en Madrid nos vindeiros días e despois volvo a Galicia. En abril estarei actuando no Auditorio de Galicia e xa teño máis datas cerradas para os meses de verán en toda a xeografía galega.

Di que A Mariña é un sitio que lle gusta especialmente.
Gústame moito ir á Mariña. Teño familia en Ribadeo, pero ademais é un lugar moi especial no que a xente sempre me acolle moi ben e ao que vou encantada.

Comentarios