Sen efectos secundarios

SOMOS moitas as persoas que, antes de tomar un medicamento, lemos o prospecto por mor de comprobar que non ten contraindicacións nin efectos secundarios. O caso é que, na práctica, non hai ningún que sexa inocuo, por máis que resulte eficaz na curación de doenzas ou no alivio dos seus síntomas. Por iso tamén son moitos os médicos que, tras faceren a prescrición, recomendan que non se lean os folletos que acompañan as medicinas. Sigan, xa que logo, as recomendacións dos expertos, tanto no consumo como na posoloxía e, se son hipocondríacos, non indaguen demasiado.

Dito isto, quero participarlles unha boa noticia. O certo é que eu xa tiña a sospeita, mais acaba de confirmárseme: existe un remedio que carece por completo de rebotes indesexábeis. Non se pode afirmar que sande todas as enfermidades, pero si boa parte delas porque, segundo a medicina psicosomática, os factores psicolóxicos inflúen nos procesos do corpo. A depresión e a ansiedade son verdadeiros catalizadores para que se produzan outras patoloxías.

Cal é ese remedio case máxico? A lectura de poesía e prosa, así que médicos ingleses andan a receitarlla ás persoas que sofren eses males, tan frecuentes no momento histórico que nos toca vivir. Seica envían aos seus pacientes á biblioteca máis próxima na procura de títulos que van desde os de autoaxuda, pasando polos de humor, até clásicos como o coñecido ‘Breve historia do mundo’ de Ernst H. Gombrich.

A romanesa doutora Aslan, aquela especialista en lonxevidade que tanta sona adquirira co seu Gerovital e outros tratamentos para frear o paso do tempo, recomendaba ver a televisión unha hora menos e ler unha hora máis. Argumentaba que o cerebro, verdadeiro motor de todo o corpo, precisa de exercicio para se manter en boa forma.

Alén disto, atrévome a aventurar outras explicacións para o poder terapéutico da literatura. Velaí van, pouco máis que enumeradas: a beleza que, sexa o seu efecto tónico ou enervante, nos fai criar bo sangue, como dirían os nosos avós. As historias extraordinarias que se nos narran rescátannos da mediocridade da propia existencia ou, en referindo vidas ‘normais’, ilumínannos a propia. Aprendemos a lles dar forma e explicación ás nosas emocións e sentimentos porque somos a miúdo, coa guía do narrador ou narradora, omniscientes. Vivimos moitas máis vidas que a propia sen necesidade de nos inmiscir nas dos que nos rodean e, cos protagonistas, superamos dificultades. Dispomos da máquina do tempo para viaxar ao pasado ou ao futuro e percorremos o mundo desde o sofá da nosa casa sen precisarmos barco nin avión.

Por iso e por máis, anoten a receita: libros.

Comentarios