Blog | A Semana do Revés

Seica había eleccións!

A repitición electoral era máis que probable, pero a presentación das listas non deu proba diso
Vaciado de votos de una urna para iniciar el recuento. AEP
photo_camera Vaciado de votos de una urna para iniciar el recuento. AEP

A REPETICIÓN dos comicios xerais era unha opción máis que probable desde hai semanas, por non dicir meses, pero dá a impresión de que colleu os partidos co pé cambiado. A poucas horas de que rematara o prazo para presentar as candidaturas na xunta electoral, había formacións que esperaban o visto bo de Madrid, había candidatos que crían que ían ser propostos pero non tiñan a confirmación e ata o PP, un partido que en Lugo adoita arranxar estes asuntos sen estridencias, foi o último en rexistrar as súas listas.

Como é habitual dende que comezou a era Pontón, o BNG foi o primeiro en anunciar a súa candidata, a parlamentaria autonómica Olalla Rodil. A bancada nacionalista é modesta e a formación move os seus peóns segundo as necesidades. En 2011, Rodil foi candidata á alcaldía do seu concello, Ribeira de Piquín, e en 2015, candidata ás Cortes, nas dúas ocasións sen resultado. En 2016 entrou no Parlamento galego e agora repite ao Congreso, despois de que Maite Ferreiro asumira responsabilidades de goberno no Concello e na Deputación. Rodil é publicista, exerceu como xornalista e fíxose un oco na política cun discurso feminista e de defensa do territorio, o que seguramente lle axudará nun momento no que pode que o BNG teña opcións de volver ao Parlamento español —outra cousa é que o faga cun representante lucense— e no que a causa da igualdade suma polo auxe da ultradereita.

A pesar de ser o último en rexistrarse na xunta electoral, no PP non houbo sorpresas nos postos titulares. Había quen vía na cercanía do viveirense Jaime de Olano ao líder do PP, Pablo Casado, a posibilidade de que fora designado por Madrid, aínda que el sempre defendeu a súa presencia na provincia, sobre todo despois de que, en abril, o PP invertira a candidatura. De Olano pasou a encabezala e Joaquín García Díez, ao número dous. O único axuste foi a inclusión do popular Enrique Rozas como primeiro suplente do primeiro senador, José Manuel Barreiro, outro veterano das listas.

Quen fixo cambios, e ás bravas, por non perder o costume, foi o PSOE. Volve a encabezar a lista ao Congreso a caballerista Ana Prieto, e Sonsoles López Izquierdo, que ía en segundo lugar aínda que era a primeira opción da militancia, baixou ao terceiro posto (e acabou renunciando), que ocupaba o besteirista Javier Cerqueiro. Este subiu ao dous. En abril, o PSOE presumía de dúas mulleres en postos de saída. Agora xustícase na recuperación da lista cremalleira. Ver para crer.

Cs repite sorte co funcionario da Hidrográfica José Manuel Blanco, no pasado militante do PP. Tamén recunca Vanessa Somoza por En Común Podemos, e iso que cando faltaban horas para o rexistro das candidaturas aínda non o tiña claro. Pasáballe o mesmo a Manuel Menéndez Mato para encabezar a lista de Vox. Porén, en abril o partido púxolle por diante a un parente de Santiago Abascal sen relación con Lugo e agora, a un venezolano fillo de emigrantes galegos. Quen dixo que facer listas electorais é complicado!

Rozas, quen serve a quen?
O PP ten un xesto co exedil Enrique Rozas ao propoñelo como primeiro suplente ao Senado ou a decisión enmárcase dentro da moderación que está facendo o partido de Pablo Casado? A dirección provincial congráciase cun político que leva tempo sentindo máis cariño da rúa que das estruturas e pode que a súa inclusión arrime votos. Rozas substitúe ao monfortino Miguel González, moi ao pesar da tamén monfortina Katy Varela.

O gran reto do BNG
O resultado de abril foi doloroso para o BNG, que se viu superado por PP, PSOE, Unidas Podemos, Cs e Vox. Agora ten factores a favor: En Marea non se presenta, En Común Podemos vai sen Equo, Cs e Vox semellan desinflados e hai que ver que desgaste ten o PSOE, se o ten. Menos realista é o reto de obter deputada, cando os catro escanos adoitan repartirse entre PP e PSOE. O deputado de En Marea en 2015 foi excepcional.

E o Senado que?
Se a alguén lle importan as listas ao Senado é aos aspirantes a formar parte del, xa que a votación para esta Cámara é directa. Os candidatos, e despois os elixidos, esfórzanse en facer pedagoxía deste órgano de representación, pero para o común dos cidadáns pasa bastante desapercibido. Nesta ocasión, ningún dos partidos fai cambios, alomenos nos titulares, respecto ás candidaturas do 28 de abril.

Comentarios