Imprimir

O Santo Graal centrou en Penamaior unha xornada de música medieval

Nieves Neira | 07 de octubre de 2019

Concerto na igrexa de Penamaior. EP
Concerto na igrexa de Penamaior. EP
Capella de Ministrers tocou para 200 persoas. Unha ruta xacobea serviu para coñecer o entorno do mosteiro

"Graal verdadeiro, o do Cebreiro". Non hai mellor descrición do que significa o Graal na comarca dos Ancares ca este dito dos veciños de Pedrafita. Pode que o seu sexa o máis famoso, pero o cálice co que Xesucristo bebeu na Última Cea está espallado por toda a comarca. Tamén no mosteiro de Santa María de Penamaior, que este domingo abriu as súas portas para que preto de 200 persoas se adentrasen na Idade Media a través do recorrido lírico e musical sobre a temática do Graal que ofreceu nun concerto o grupo Capella de Ministrers.

Este recital a cargo dun dos grupos de repertorio medieval con maior proxección internacional puxo fin ao festival Espazos Sonoros -que dende o mes de setembro achegou a música antiga a espazos monumentais de Galicia- e contou coa colaboración do Concello de Becerreá, Xacobeo 2021 e Patrimonio dos Ancares.

Este último colectivo organizou pola mañá un percorrido por parte da Vía Künig, a ruta realizada por un monxe alsaciano no século XV e que Patrimonio dos Ancares reivindica como variante oficial do Camiño Francés.

Xa nesa ruta, as máis de 150 persoas participantes puideron seguir as pegadas da Idade Media para contextualizar mellor o concerto das 19.00 horas, titulado Lamento de Perceval. Música e literatura sobre el Santo Graal. Pois a lenda de Perceval, ese cabaleiro do Rei Artur coñecido por buscar o Graal, chegaría tamén a Galicia.

En Penamaior dan fe dela o cabaleiro con lanza gravado no tímpano da igrexa, o león ou a cruz de semellanza templaria. Na propia ruta, topónimos como Pena do Castelo, "onde conta a tradición que os templarios protexían os peregrinos, aínda que nós nunca atopásemos vestixios desa construción", indica Moure, tamén referencian esta tradición.

Durante a ruta os camiñantes tamén se achegaron á capela de San Lourenzo, onde Xabier Moure sitúa aquel primeiro eremitorio que despois en Penamaior crecería dando lugar ao mosteiro que hoxe coñecemos, pertencente dende o século XII á orde do Císter.

"En realidade, trátase do único mosteiro que se conserva na comarca, pois doutros só temos vestixios", indica. A súa igrexa está recoñecida como BIC, pero as dependencias monasteriais son propiedade privada. Alí, metido na Serra da Pena do Pico Sacro, na parroquia que leva seu nome, Penamaior volveu este domingo aos esplendor co que deu brillo a ese cálice que tanta literatura verteu.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/a-montana/santo-graal-centrou-penamaior-xornada-musica-medieval/201910071302221400714.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)