Santiago recorre a sentenza que outorga as estatuas de Abraham e Isaac aos Franco

Alega que os bens integrantes do Patrimonio histórico artístico nacional non se poden comprar nin vender nin posuír por particulares

Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

O goberno local de Santiago recorreu este luns ante a Audiencia Provincial de Madrid a sentenza que outorga á familia Franco a propiedade das dúas estatuas do Mestre Mateo que reclama o Concello compostelán, correspondentes a Abraham e Isaac. En concreto, o recurso de apelación oponse a tres dos argumentos da sentenza: o que sinala que non quedou demostrada a entrega das estatuas ao Concello, o relacionado coa identificación das pezas e o que apela á 'usucapión' para determinar que as figuras pertencen aos Franco polo tempo transcorrido desde que están na súa posesión. 

Na súa sentenza, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 41 de Madrid sinalaba que non había testemuños directos de que se produciu a entrega efectiva das estatuas de Abraham e Isaac ao Concello, nin fotografías das pezas dentro do Pazo de Raxoi. Con todo, no recurso, o concello lembra que "no expediente público que precedeu á escritura de compra-venda das figuras" aparecen "uns informes asinados por Manuel Chamoso Lamas e Francisco Asorey, que asesoraran ao Concello na operación, que sinalan que o exame das esculturas realízase na propia casa consistorial". 

Recolle, no xornal La Noche do 30 de xaneiro de 1948 aparece unha pequena referencia a que "na véspera produciuse a entrada das dúas esculturas do Mestre Mateo no Pazo de Raxoi, xunto cunha terceira peza de menor valor que tamén formara parte da adquisición ao Conde de Ximonde". Esa escultura, ademais, "segue aínda en posesión" do Concello, "polo que se pode deducir que o tres pezas foron entregadas ao mesmo tempo".

IDENTIFICACIÓN DAS ESCULTURAS. En canto á identificación das estatuas como as obras adquiridas polo Concello, que a xuíza pon en dúbida, o goberno local reitera no recurso que existe diferente documentación que o avala, como o informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a declaración das pezas como Ben de Interese Cultural, o informe do historiador Ramón Yzquierdo Perrín, e mesmo o catálogo da exposición organizada conxuntamente pola Fundación Catedral, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo do Prado, na que se puideron ver as dúas figuras, xunto coas outras sete que formaron parte do Pórtico da Gloria. 

Ademais, o recurso incide no "erro" que supón que a xuíza alegue que un estudo de Fermín Bouza Brey de 1933 sinalaba que unha das figuras estaba rota e estas non o estean, "cando unha simple fotografía permite ver a fractura nunha das dúas pezas tal e como a describía Bouza Brey". 

O terceiro argumento da xuíza ten que ver coa figura da usucapión, pola cal a familia de Franco tería dereito á propiedade das estatuas polo tempo transcorrido desde que están no seu poder. 

Neste ámbito, o recurso insiste en que a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo que sinala que, con independencia da súa catalogación, os bens integrantes do Patrimonio histórico artístico nacional son imprescriptibles e inalienables, é dicir, non se poden comprar nin vender nin se poden posuír por particulares a efectos de adquisición da propiedade. 

Comentarios