Santalices: "O cidadán hoxe esixe lexislar como calquera político e aquí no Hórreo pode facelo"

Estivo 20 dos seus 61 anos metido no Pazo do Hórreo, onde pasou "por todos os estamentos políticos". De feito, di que "ninguén" lle quere tanto ao Parlamento como el, aínda que lle deu algún que outro disgusto, como o esvaecemento de Fraga ou a expulsión dalgún compañeiro
Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955)
photo_camera Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955)

O Parlamento entregou esta semana por vez primeira as súas medallas de ouro. Por que agora?
Desde que o presidente García Leira creou este decreto das medallas houbo unha serie de dificultades para poder entregalas, xa que
faltou un consenso que agora houbo. Eu trasladei a proposta a todos os voceiros e pareceulles ben, salvo ao grupo mixto, pero logo acudiu.

Houbo críticas polo autobombo.
Só foi un grupo que, curiosamente, tiña no acto o vicevoceiro. Aínda que é certo que Age ten dúas tendencias: EU foi quen criticou e Anova foi quen asistiu. Eu non vin autobombo, só un acto serio no que se conmemoraban dúas cousas importantes: o Estatuto de Autonomía e o recoñecemento aos expresidentes do Parlamento.

E como lle gustaría ser recoñecido a vostede dentro duns anos?
Como un presidente que pasou por todos os estamentos políticos do Parlamento: fun deputado, vicepresidente, secretario e voceiro de comisións, vicepresidente da Cámara... Cando tomei posesión dixen, froito da emoción, que quizais ningunha persoa lle queira tanto coma min ao Parlamento e así quero que me lembren, como alguén que o respectou e que gozou co seu traballo aquí.

Cara a onde debe ir a Cámara?
Intenta camiñar cara ao que a sociedade demanda. Durante anos a capacidade para lexislar estaba exclusivamente en mans dos deputados que elixía a xente, pero hoxe os cidadáns esixen participar directamente. Nesa liña abrimos canles para que poidan facelo de xeito protocolizado. Así, poden facer achegas a unha lei en trámite, elaborar unha proposisión non de lei con 2.500 sinaturas, controlar o Goberno a través de preguntas ou presentar unha iniciativa lexislativa popular con 10.000 sinaturas no canto das 15.000 de antes. Abrimos a Cámara á cidadanía.

A sociedade tamén esixe transparencia e a Cámara vén de abrir unha web específica. Como vai?
Pois somos posiblemente un dos parlamentos máis transparentes de España. Agora aquí pódense coñecer todos os contratos, soldos, actividades... E tamén somos a Cámara que máis traballa de España; os datos están aí.

Que datos?
Un informe reflicte que no Parlamento catalán traballaron 969 horas ñde debate en plenoí, no vasco 853, no valenciano 737, no andaluz 653 e en Galicia, 1.041 horas. E tamén somos dos máis eficientes: dividimos o orzamento polos escanos e cada deputado custa 217.000 euros, polos 435.000 de Euskadi.

Menos custaría con 61 deputados, como se propuxo no seu día.
Claro que custaría menos, pero non é precisamente por aí onde está o asunto do gasto. Esa foi unha decisión da que se falou pero que se optou por aparcala.

Malia esa apertura do Hórreo é raro o período de sesións no que non hai altercados no público.
E certo que houbo incidentes e algúns desagradables, como o das preferentes. Pero despois regularizouse o acceso cun sistema de identificación, dando as normas por escrito aos visitantes, e estase cumprindo razoablemente ben.

E que hai cabreo cos políticos, sobre todo pola corrupción.
E haberá que facer moito para que a imaxe do político se recupere! A corrupción fixo moitísimo dano, pero é cuestión dunhas cantas persoas dentro dunha gran magnitude como son os os partidos. Cando aquí alguén di no escano que "o PP é un partido corrupto" ou que "leva a corrupción no ADN" non acepto iso e mando retiralo, incluso cunha chamada á orde se é necesario. Porque corruptos hainos en todos os partidos.

E que se pode facer?
Aquí estamos lexislando ben, sendo transparentes, controlando as subvencións a partidos, obrigando a declarar todos os contratos e co Consello de Contas facendo un labor encomiable. Pero se me pregunta, eu como médico apostaría pola vía preventiva. Dificultar ao máximo que se poida delinquir.

A Cámara tamén deu ás veces unha imaxe pouco desexable, non cre?
O Parlamento ten que trasladar a imaxe de que aquí se lexisla en favor da cidadanía e se fala das súas cousas e en ocasións parecía que nos estabamos matando en lugar de resolverlles os problemas. Pero hai unhas normas de comportamento e o normal é cumprilas, independentemente de que o debate sexa máis ou menos duro.

E o mandato máis duro que viviu?
E posible. Pero non é unha lexislatura conflitiva polos temas tratados senón polas actitudes de persoas dentro do hemiciclo. E aí penso que erramos todos, desde os deputados con esa sobreescenificación que pouco ten que ver coa cortesía parlamentaria ata os órganos de dirección da Cámara.

Expulsou a Beiras. Pesoulle?
Non é agradable aplicarlle o artigo de expulsión directa ño 108í a ninguén, porque ao fin e ao cabo son compañeiros teus. Pero o regulamento está aí e mentres non haxa outro hai determinadas actitudes que non debemos permitir.


Din que é máis impulsivo vostede que a súa predecesora, Pilar Rojo.
Temos formas distintas, pero penso que son tranquilo e reflexivo, porque na vida hai que ser así. Dirixín un hospital psiquiátrico e iso dáche unha visión das cousas que che cambia radicalmente a vida.

As veces o hemiciclo parece un teatro no que todos actúan. Que ocorre cando se baixa o pano?
Pois que os deputados son persoas normais e correntes cunha magnífica relacion entre elas. Eu teño entre os meus mellores amigos exparlamentarios doutras forzas e coma min, o resto. Somos humanos, convivimos moitas horas e temos problemas comúns.

Ata se leva ben con Beiras!
Teño moi boa relación persoal con Beiras, que xa vén da época dos nosos pais, o que non me impide aplicarlle o regulamento como sucedeu. De feito, tras a expulsión acabei desexándolle un bo día. E tamén me preocupo como médico pola súa saúde: sei que tivo episodios complexos e non dubidei en chamalo para saber como estaba.

En 20 anos no Hórreo habería tamén momentos malos, non?
Houbo un tenso, non malo: o esvaecemento de Fraga. El tiña o seu carácter e xa rexeitara a axuda do conselleiro de Sanidade. Entón eu achegueime, atendino e logramos sacalo na silla da taquígrafa.

Agarda un período de sesions máis curto por un adianto electoral?
A previsión é acabar con normalidade. Foi a suxestión que nos fixo Feijóo na reunión que tivo con nós cando anunciou que ía proporme para a presidencia do Parlamento. E non teño datos do contrario.

Respirou cando soubo que o presidente ía quedar no PPdeG?
Pois si. Porque tamén é certo que eu fun dos que metín algo de presión... quizais entre todos lle metimos demasiada. Pero entendo que é o mellor activo para unhas eleccións de certa complexidade.

Cando soubo que Feijóo repetía?
Cando o dixo na xunta directiva.

Móllese. Quen é o mellor para substituír a Rueda na secretaría?
É un tema que deben decidir entre o presidente e as persoas que considera que o poden aconsellar. No PPdeG hai persoas moi válidas, pero non me mollo. O que si digo é que a tarefa que lle queda a quen saia é complexa, xa que será secretario xeral dun partido que a poucos meses vista afronta unhas eleccións importantísimas. Xa lle podemos axudar entre todos!

Vostede é un político relevante no PP de Ourense e próximo a Baltar. Como o ve co que está pasando?
Moi asentado. Ten a estrutura organizativa de Ourense na cabeza e ten todo o equipo preparado por se hai eleccións. Ten unha anticipación extraordinaria e é un dos mellores estrategas que coñecín.

Comentarios