Santalices loa o labor das mulleres que conservaron o queixo da Ulloa

O presidente do Parlamento lembrou na Feira do Queixo de Palas as palabras de Otero Pedrayo, quen definiu a provincia de Lugo como "reserva formidable da raza e da terra"

Miguel Santalices le o pregón da Festa do Queixo da Ulloa. J.VÁZQUEZ
photo_camera Miguel Santalices le o pregón da Festa do Queixo da Ulloa. J.VÁZQUEZ

A Feira do Queixo da Ulloa volveu mostrar o seu poder de convocatoria este domingo en Palas de Rei, onde se despacharon centos de queixos marcados pola tradición. A ela se referiu o pregoeiro da cita, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, quen destacou o labor das mulleres da Ulloa, "as queixeiras de onte e de hoxe que perpetuaron e transmitiron os saberes centenarios relacionados coa elaboración do queixo".

Ángeles Vázquez recibe a Encomenda do Queixo da Ulloa. J.VÁZQUEZSantalices indicou que a boa aceptación do queixo da Ulloa "non é froito da casualidade, senón do traballo calado e do saber facer legado de nais a fillas, xeración tras xeración".

Á boa man das queixeiras súmase a calidade da materia prima, producida nunha comarca que o presidente do Parlamento definiu como "despensa farturenta", marcada por unha historia de "vida dura, heroica, que aínda hoxe recordamos, nalgúns casos idealizada, pero que case ninguén quere que volva".

Falou neste contexto do ingreso de España na Unión Europea e do que supuxo para o medio rural e a actividade agraria. "O cambio implicou a adaptación a unha normativa moito máis esixente, pero tamén axudas económicas e un modo de vida máis doado para todos", afirmou.

Este proceso introduciu Galicia nunha Europa que "aquí xa resultaba familiar" polo Camiño de Santiago e polos peregrinos, grandes embaixadores do queixo da Ulloa.

Gañadores do concurso de tapas en Palas. J.VÁZQUEZSantalices evocou tamén outros camiñantes ilustres, como Ramón Otero Pedrayo, quen en 1927 percorreu a ruta entre Ourense e Santo André de Teixido acompañado por Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Nesa viaxe escribiu que "este verdor de Lugo é outra cousa do de beiramar e do ourensán. Un verdor denso, forte, indiferente, mollado de augas constitucionais" procedentes de "montañas esgrevias que teñen moitas veces máis zume vital que os vales farturentos".

CONVITE. Para corresponder á hospitalidade dos palenses, Miguel Santalices convidou os presentes a visitar o Parlamento, porque "non é dos deputados, é da xente, de todas e de todos vostedes, por iso deben coñecelo". Animou a calquera a presentarse na porta e dicir "que eu os convidei na festa do queixo de Palas".

O pregoeiro foi nomeado membro da Encomenda do Queixo da Ulloa, distinción que tamén recibiron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o xerente de Alibós, Jesús Quintá, e os responsables da empresa Cartografía e Medicións, Juan Carlos Corredoira e José Elier Quiñoy Sánchez.

TAPAS. Este domingo tamén se entregaron os premios aos hostaleiros gañadores do concurso de tapas con queixo da Ulloa que se celebrou nos días pasados.

O primeiro premio foi para Albergue Buen Camino, pola tapa Coral Marino. O segundo recibiuno Pulpería A Nosa Terra, por Tosta da Ulloa con marmelada de tomate e aceite de oliva, e o terceiro foi para a Minihamburguesa do Bar Obelix.

Comentarios