Blog | A Semana do Revés

Santa Rita para os imposibles

Os funcionarios municipais festexan a patroa nun clima de división pola incerteza da RPT

SE NON perderon a fe, pode que este ano máis que nunca os funcionarios do Concello de Lugo se encomenden a Santa Rita, patroa e dise que avogada do imposible. Porque imposible parece unha saída ao conflito laboral que se vive no Concello dende hai semanas a conta da revisión da relación de postos de traballo (RPT), que ten divididos os traballadores.

A patroa celébrase mañá e as actividades previstas -a comida, fundamentalmente- darán a medida de como están as cousas. Organízaa coma sempre a xunta de persoal, e á fronte dela está CSIF, a central que lidera a defensa da RPT, polo que hai quen interpreta os festexos como unha maneira de escenificar o apoio que ten o documento e de presionar o goberno para que o aprobe. Tan evidentes son as intencións que no programa de actos figura unha carreira pola muralla coa participación de dous equipos, un a favor da RPT e outro en contra. "Actuarán como jueces los que no se manifestaron ni a favor ni en contra, los cuales elevarán la propuesta del equipo ganador al gobierno local a fin de que ejecute la voluntad de dicho equipo", sinálase. A iniciativa, que igual pretendía quitarlle ferro ao asunto, non parece que tivera moita acollida e é posible que non se leve a cabo.

Respecto á comida, hai traballadores que nunca faltaban e que seguramente esta vez non acudan para non facerlle o caldo gordo á CSIF. O medo ao boicot levou a que, nos últimos días, os organizadores enviaran unha mensaxe aos máis próximos animándoos a asistir, coa finalidade de que "se perciba la unidad que hay entre nosotros". E parece que deu resultado porque, segundo CSIF, está previsto que preto de cen persoas participen na comida que se celebrará no restaurante Manuel Manuel e que conta cunha axuda do Concello de 15 euros por plato. Se se cumpren as expectativas, a asistencia será bastante maior á dos últimos anos.

Aínda que o verdadeiramente importante será o que suceda o día despois, xa que o goberno mantén nun interesado segundo plano o asunto da RPT. O equipo de Lara Méndez renunciou a aprobar un novo orzamento municipal, tralo fracaso das negociacións coa oposición, e a RPT pasou a ser prescindible. Ademais, á vista de como se torceron as cousas, a oposición deixou de presionar con este asunto.

Porén, a revisión do cadro de persoal non deixa de ser necesaria, para ordenar e reforzar os servizos de cara a mellorar a xestión municipal e para evitar que sigan caendo sentenzas xudiciais lesivas para o Concello. A dúbida é se, como sosteñen algúns sindicatos e traballadores e como apuntan algúns informes técnicos, o documento non responde ás necesidades do Concello e non cumpre algúns preceptos legais. A versión oficial é que se está traballando para facer os cambios que piden os técnicos. 

A oficiosa, que se lle pediu ao interventor un informe máis claro que o que xa emitiu, algo que quizais non está polo labor de facer. A predicción? Que o tema se seguirá deixando enfriar. Co risco de que, antes ou despois, os interesados prendan o lume.

O goberno quedouse só
A revisión da RPT era un asunto pendente dende hai unha década e o goberno botoulle valor. Entre outras razóns, porque era requisito sine qua non da oposición -nomeadamente Lugonovo- para negociar os orzamentos. O resultado do traballo provocou tal división entre os traballadores, sobre todo a conta das diferenzas salariais, que a oposición deu marcha atrás e deixou o goberno só, coa caixa de Pandora aberta.

Ana Sáez traga sapos
Moitas oficinas municipais, sobre todo na Praza Maior e na Ronda da Muralla, están cheas de carteis de ‘Non a esta RPT’. Ata a funcionaria que dirixou o proceso, Ana Sáez, ten que atoparse esa estampa cada día ao entrar no seu departamento. Este, coma outros, nunca foi moi dado á loita laboral, pero coa RPT mudou. Seguramente contribúe a debilidade e a falta de man esquerda do goberno.

Dezaseis xubilados máis
A celebración de Santa Rita servirá para homenaxear aos funcionarios que se xubilan este ano, que son 16, segundo as contas de CSIF. O cadro de persoal non deixa de menguar sen que haxa traza de que poidan cubrirse postos a curto prazo. As ofertas de emprego de 2015 e 2016, as primeiras despois de varios anos, están recurridas e das bases para convocar as prazas non se sabe nada.

Comentarios