Sancovade estreará unha escultura a carón da capela da Guadalupe durante as festas

Clara Naseiro e Pepón Gómez son os escultores desta obra sorpresa que non se desvelará ata o día 14, coincidindo co segundo día de celebracións

Clara Naseiro e Pepón Gómez, traballando na talla. EP
photo_camera Clara Naseiro e Pepón Gómez, traballando na talla. EP

Clara Naseiro e Pepón Gómez son os encargados de dar forma e de tallar unha nova figura no adro da capela da Guadalupe, na parroquia vilalbesa de Sancovade. Puido verse aos traballadores coa motoserra dándolle forma a unha árbore, mais polo de agora descoñécese a súa forma final, que non será desvelada ata o fin de semana das festas.

Varias persoas achegáronse, curiosas, para intentar saber que era o que se estaba creando á carón da capela, mais tal e como comentou Pepón Gómez, "non será ata o día 14 de setembro, coincidindo coas festas, cando se desvele a forma da tal". 

"A peza está composta de madeira que tallamos in situ a partir da árbore que había aquí, logo hai outra parte en pedra que aínda está en proceso de elaboración e que farei eu mesmo", comentaba Gómez quen, xunto coa súa compañeira, motoserra en man, lle deu forma á derradeira árbore do lugar. Pepón Gómez, canteiro, e Clara Naseiro tallista de madeira, foron os escollidos pola Asociación Veciñal Cementerio de Sancovade, os promotores desta idea, para levar a cabo a peza sorpresa. 

As festas na honra da Virxe de Guadalupe son a data escollida pola asociación para desvelar e inaugurar a nova obra de arte que lucirá no lugar. As patronais comezan xa o día 13, con pinchos e música para todos os que se acheguen ao campo da festa, e continuarán o 14 e 15 con sendas misas solemnes e procesións ás 13.00 horas. O sábado haberá sesión vermú e verbena amenizadas polas orquestras Ceniza Band e La Fórmula. Xa o domingo, para culminar os festexos, actuará o grupo Alkar que porá o broche de ouro na sesión vermú. 

Traballos de mellora
O verán pasado xa se acometeran obras de mellora na capela, nelas levouse a cabo unha actuación tanto interior como exterior, para solventar humidades, calear as paredes e paliar outros deterioros que o tempo foi deixando no templo. A obra correra á conta da Asociación Veciñal Cementerio de Sancovade a través da cota dos socios e da venda de lotaría coa colaboración do Concello de Vilalba. A agrupación, que nacera a principios dos 90 para promover a ampliación do camposanto parroquial, segue a traballar para mellorar a contorna da capela da Guadalupe tanto a nivel funcional como, neste caso coa peza que lle encargou a Clara Naseiro e Pepón Gómez, ornamental. Haberá que esperar ata a mañá do 14 de setembro para descubrir que e como será a talla que lucirá agora o adro da capela da Virxe da Guadalupe de Sancovade.

Comentarios